Virálizase un vídeo cunha ducia de ratas correndo polo centro da Coruña
Virálizase un vídeo cunha ducia de ratas correndo polo centro da Coruña
O Concello anunciou que aplicará un tratamento químico de choque para eliminar o foco
Nas últimas horas fíxose viral un vídeo gravado durante a madrugada no que pode verse unha ducia de ratas correndo por unha rúa peonil do centro da Coruña. Ameazados por unha gaivota, os roedores refúxianse nun baixo da rúa Galera.
O local leva desocupado desde o ano 2010, pero vai ser reformado para abrir como restaurante nos próximos meses. Ata hai pouco había diante varios colectores de residuos nos que en ocasións veciños e restauradores xa viran algunha rata.
A rúa Galera é peonil e moi céntrica, con comercios e, sobre todo, locais de restauración. O Concello comunicou que os técnicos de Medio Ambiente xa tiñan localizado o foco de ratas e adiantou que nos próximos días aplicará aquí un tratamento químico de choque para eliminalo.
Non é a única zona da cidade na que hai preocupación pola presenza destes animais. Hai tres semanas denunciaron un problema similar os veciños do barrio do Martinete. Sitúan o foco nun esqueleto urbanístico que acumula ciscallo e sucidade desde hai dunha década.