A acusación pide 28 anos de cadea no caso do Ceao; a defensa e o fiscal, a absolución
A acusación pide 28 anos de cadea no caso do Ceao; a defensa e o fiscal, a absolución
O caso quedou visto para sentenza, que poñerá fin á causa penal máis antiga do Estado logo de case trinta anos
O xuízo polo dobre crime do Ceao, en que se piden 28 anos de cadea para o acusado, quedou visto para sentenza.
Tras as declaracións das testemuñas, dos policías e dos peritos, as partes expuxeron as súas conclusións, en que as acusacións defenderon a culpabilidade de Manuel Juan Vilariño respecto aos feitos acontecidos en 1994.
"Falaron membros de tres corpos e forzas de seguridade, a policía xudicial de Lugo, a Udev e a policía municipal, e dixeron o que tiñan que dicir, o que nos levou a traer este señor aquí. Máis do que se dixo, pódese dicir?", di Carmen Balfagón, avogada da acusación particular.
"Está no seu dereito a defenderse, a non contestarnos e a mentir, pero iso non é inocuo e debe ser valorado polo tribunal. E eu creo que a opinión pública xa o fixo", opina Gerardo Pardo de Vera, avogado da acusación particular.
Pola contra, para a defensa non existen indicios dabondo para incriminar o acusado, polo que pide a libre absolución. A esta petición absolutoria súmase a do fiscal da Audiencia Provincial de Lugo.
"Todos queremos que os autores deste crime saísen. É algo que todo o mundo desexa nesta cidade, pero non pode ser é que unha persoa estea 30 anos na corda sen ningún tipo de proba ou indicio", asegurou Paula Salvador, avogada da defensa.
Agora, haberá que agardar a que o tribunal dite sentenza e quede así pechada a causa penal aberta máis antiga en todo o ámbito estatal.