Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vítimas do Alvia denuncian "manobras" de Pastor para ocultar un informe

Vítimas do Alvia denuncian "manobras" de Pastor para ocultar un informe

Segundo unha información publicada polo xornal 'Praza', Ana Pastor dirixiuse por carta á comisaria de Transportes da UE para advertirlle "gravidade" de publicar ese informe

G24.gal 30/09/2022 16:52 Última actualización 01/10/2022 10:44

As vítimas do Alvia acusan a exministra de Transportes Ana Pastor, agora vicepresidenta segunda do Congreso, de realizar manobras ante a Comisión Europea para ocultar un informe crítico coa investigación realizada polo Estado español sobre o sinistro de Angrois.

Segundo unha información publicada este venres polo xornal 'Praza', Ana Pastor dirixiuse á comisaria de Transportes, Violeta Bulc, por carta á que lle advertía da "especial gravidade" que tiña publicar ese informe elaborado pola Axencia Ferroviaria Europea.

"O contido das cartas demostra que Ana Pastor se implicou directamente en ocultar todo o que tiña que ver coa terrible traxedia do Alvia", denuncia a plataforma que aglutina á maior parte das vítimas do sinistro, no que morreron 80 persoas.
 

Segundo esa información en maio de 2016, ao ter coñecemento de que a Comisión Europea ía publicar o informe que cuestionaba a investigación oficial (a realizada pola comisión de investigación de accidentes ferroviarios, CIAF) e que alertaba do incumprimento da normativa seguridade ferroviaria, Ana Pastor escribiu á comisaria alertando da "gravidade" da súa publicación.  

"Encarguei ao noso servizo xurídico un informe sobre as súas repercusións e rógoche que tomes nota de que o Reino de España resérvase o dereito de adoptar medidas ante a indefensión que esta actuación puidese ocasionar", trasladáballe a por entón ministra de Fomento á comisaria de Transporte.

A asociación de vítimas convocou para o próximo luns unha protesta ante o Congreso dos Deputados para pedir a dimisión da exministra.

Será dous días antes de que comece o xuízo polo accidente do tren Alvia en Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade