Vitoria do Leyma e derrota do COB na estrea da Leb Ouro
Vitoria do Leyma e derrota do COB na estrea da Leb Ouro
Os ourensáns aguantaron ata o último cuarto a un favorito como Guipúscoa (62-68)
Unha saída maxistral dos coruñeses (13-33) permitiulle gañar na pista do Juaristi
O COB volvía á Leb Ouro, pero non puido facelo con vitoria. Perdeu en Ourense diante do Guipúscoa por 62-68. E iso que durante moitos minutos estivo por diante no marcador e que deu a cara ata o final. A igualdade marcou o primeiro tempo no que o COB acadou unha máxima vantaxe de oito tantos (32-24) pero o equipo vasco respondeu cun parcial de 0-7 antes do descanso (32-31).
O partido comezou a racharse no treito final do terceiro cuarto. Outro parcial visitante de 2-9 permitíalle chegar ao final do terceiro cuarto gañando por 48-56. Tentouno o COB no último cuarto pero ao máis que chegou foi aos seis puntos do final do partido.
Vitoria do Leyma Coruña (72-87)
Mellor lle foron as cousas ao Leyma Coruña na pista do Juaristi. Un primeiro cuarto cheo de acerto permitiulle colleitar unha vantaxe que xa non soltaría. Principiaron os locais por diante (5-2) pero o Leyma fixo un 0-15 decisivo no encontro. Rematou o primeiro cuarto vinte arriba (13-33) e no descanso a marxe era de dezasete tantos (33-50).
O Juaristi nunca baixou da barreira dos 14 puntos, unha vantaxe que lle permitiu ao cadro coruñés controlar o partido ata o final. Dentro do gran nivel xeral descataron Font (17 puntos), Barrueta (16) e Javi Vega (14).