Volve estar activo o incendio da Gudiña que a Xunta daba por controlado e xa afecta a 240 hectáreas
Volve estar activo o incendio da Gudiña que a Xunta daba por controlado e xa afecta a 240 hectáreas
O de Barxa está estabilizado despois de calcinar 90 hectáreas
Medio Rural dá por extinguido o incendio de Augasantas, en Cerdedo-Cotobade, que queimou 13,88 hectáreas
O lume de Requeixo-Chandrexa de Queixa está controlado desde primeira hora da noite do mércores
Un dos dous incendios forestais que afecta o municipio ourensán da Gudiña, o da parroquia de Pentes, volve estar activo e a superficie calcinada chega xa a 240 hectáreas.
A Consellería do Medio Rural deuno por controlado ás 10:40 horas deste mércores, pero preto das 17:00 horas informou da súa reactivación.
O incendio iniciouse ás 13:18 horas do pasado luns. Mobilizáronse medios como dez helicópteros, oito avións e doce motobombas, entre outros, ademais de medios portugueses.
Por outra banda, está estabilizado desde as 13:00 horas deste mércores o incendio declarado no mesmo municipio da Gudiña, parroquia de Barxa, despois de calcinar 90 hectáreas. Iniciouse na medianoite do luns ao martes.
Na súa extinción participan oito helicópteros, oitos avións e vinte e dúas brigadas, entre outros.
A consellería do Medio Rural dá por extinguido o incendio de Augasantas, en Cerdedo-Cotobade, que queimou 13,88 hectáreas, principalmente monte raso. Estaba controlado desde as 17:02 deste mércores. O lume iniciárase ás 17:19 horas deste martes.
EXTINGUIDO o #IFAguasantasCerdedoCotobade, que afectou finalmente 13,88 hectáreas, a maior parte delas de monte raso.
— incendios 085 (@incendios085) September 19, 2024
O departamento autonómico tamén informou que a primeira hora deste xoves quedou estabilizado un incendio en Palas de Rei, parroquia de Cuíña, que afecta unhas 40 hectáreas, segundo as primeiras estimacións.
ESTABILIZADO un incendio forestal no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Cuíña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. #IFCuíñaPalasdeRei
— incendios 085 (@incendios085) September 19, 2024
Está controlado desde a primeira hora da noite deste mércores o lume do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que se iniciou onte martes ás 20:07 horas e que quedara estabilizado dende as 16:25 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie dunhas 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora seis axentes, quince brigadas, seis motobombas, unha pa, un técnico, catro helicópteros e dous avións.