Volve o domingo oleiro ás prazas de Xinzo de Limia
Volve o domingo oleiro ás prazas de Xinzo de Limia
Con menos olas para escachar, menos multitudinario ca outros anos pero coas mesmas ganas de sempre
A comisión do Entroido organizou un oleiro itinerante pola vila para evitar aglomeracións
A veciñanza recuperou o tradicional xogo das olas en que participan os pequenos e os adultos
O Entroido segue avanzando en Xinzo de Limia. Hoxe é o segundo domingo de festa na vila, o domingo oleiro. Despois dun ano había moitas ganas de recuperar a tradición de xogar ás olas. E este ano a celebración estivo pensada para evitar as aglomeracións.
Co meco xa colgado presidindo a Praza Maior de Xinzo a veciñanza recupera o tradicional xogo das olas no domingo oleiro. Este ano foi un oleiro itinerante polas distintas prazas da vila para evitar grandes aglomeracións de xente.
"A xente respecta o tema de levar a máscara, intentamos que non haxa aglomeracións nin estes nin no oleiro nin noutras fins de semana", explica Adriana Jiménez, a presidenta da Comisión do Entroido de Xinzo de Limia.
Nin a chuvia puido coas ganas dos limiaos despois dun ano agardando para sacar os traxes do armario. E tamén neste oleiro houbo a metade de olas que outros anos, 250 para escachar.
"Tiñamos moitísimas ganas, son dous anos pensando que nos pór, que facer, moitos días pensando nisto", di un veciño de Xinzo.
O que si que non falta aquí é o bo humor e o espírito entroideiro.
O ciclo do Entroido de Xinzo, declarado de Interese Turistico Internacional, continúa o vindeiro domingo xa co corredoiro e coa agardada volta ás rúas das pantallas.