Publicador de contidos
Publicador de contidos

Volve o San Xoán, o lume volve iluminar a noite máis máxica

G24.gal 23/06/2022 16:08

Conta atrás para que as cacharelas iluminen a noite de San Xoán. Volven despois de dous anos nos que case non houbo celebracións. Aínda que as fogueiras arderán esta noite en toda Galicia, hai lugares onde a festa vai ser multitudinaria. 

Na cidade da Coruña, na praia de Riazor, coller unha parcela non foi nada doado. Os areais urbanos serán os que congreguen máis xente, pero haberá máis de 630 cacharelas por toda a cidade. 

En Sarria en vez dun, haberá 5 días de festa, que para iso o San Xoán é o patrón. Tamén alí está todo preparado para lle poñer lume á fogueira e as tradicionais pampórnigas, que levan tres anos sen saír esperan o momento para botarse ás rúas.

En Panxón desfrutarán de 3 días de festexos que se van celebrar veña como veña o tempo. E é que hai tantas ganas de San Xoán que as 84 autorizacións que se pediron indican que a praia iluminarase con máis fogueiras ca nunca.

E nestes lugares, e en todos nos que se van celebrar cacharelas, cruzan os dedos pendentes do tempo para esta noite. Malia estar xa en verán, a previsión recomenda coller roupa de abrigo e, por se acaso, un chuvasqueiro e paraugas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar