Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vox abandona o Congreso antes do discurso de Gustavo Petro polas críticas a España

Vox abandona o Congreso antes do discurso de Gustavo Petro polas críticas a España

O presidente colombiano é recibido con todos os honores polos Reis no Palacio Real

Gustavo Petro chega a España despois de criticar o "xugo español" en referencia ao pasado colonizador

Deputados e senadores de Vox abandonan o hemiciclo cando ía falar o presidente colombiano
G24.gal 03/05/2023 14:34

Visita do presidente de Colombia a España. Gustavo Petro foi recibido polos reis no Palacio Real con todas as honras dunha visita de Estado, a única que recibiremos en todo o 2023.  
O presidente colombiano estará en España ata o venres. Pero a visita arranca con polémica.

Horas antes de aterrar en Madrid cargaba duramente contra o noso pasado colonizador, contra o "xugo español", no seu discurso do primeiro de maio. Petro falou "dos colombianos que impulsaron a República e defenderon a liberdade sen entender moi ben se consistía en liberarse do xugo español da Coroa, de destronar reis, duques ou príncipes".

Non é a primeira polémica coas autoridades españolas. O mandatario amosou desde o primeiro día de Goberno un revisionismo histórico que puxo en máis dun apuro de protocolo ao país. A súa primeira orde foi no acto de toma de posesión cando mandou levar ao lugar da celebración a espada do libertador, Simón Bolivar.

Antecedentes que non foron impedimento para que se lle dea máxima relevancia á visita. Reunirase co rei na Zarzuela e mañá entrevistarase co presidente Sánchez. Antes celebrouse un acto solemne no Congreso. Recibiu as medallas das dúas cámaras e asinou no libro de honra.  A presidenta do Congreso apoiou o proceso de paz colombiano. 

Gustavo Petro evitou máis polémicas e avogou por loitar xuntos contra o cambio climático. Sostén que non "hai un pensamento único e que unha das riquezas da humanidade é precisamente a diversidade". Falou "de crise profunda, de cambio de ideas, de culturas e de modos de producir" e insiste en que "estamos en tempo de extinguirnos ou cambiar". 

O seu relatorio non o escoitaron os deputados e senadores de Vox, que o plantaron cando ía tomar a palabra. A fundación de Vox protestou tamén ás portas do Congreso. Santiago Abascal considera intolerable que Pedro Sánchez lle cedera a tribuna do Congreso. Cualifica o líder colombiano coma o "Otegi español".

En Madrid, Petro buscará a complicidade de España para temas clave como o proceso de paz, a transición enerxética, o turismo ou as infraestruturas. A Moncloa apoiará as reformas que o presidente colombiano está a facer no país e que xa provocaron a saída de sete ministros do executivo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade