Vox rexistra a moción de censura para evitar "a demolición do Estado de dereito"
Vox rexistra a moción de censura para evitar "a demolición do Estado de dereito"
O texto da moción no Rexistro do Congreso conta co aval dos 52 deputados de Vox
Queren que a moción se debata canto antes para que as eleccións sexan o 28 de maio
O presidente de Vox, Santiago Abascal, rexistrou este luns a moción de censura contra Pedro Sánchez, que encabezará o veterano economista Ramón Tamames, porque a súa formación non "quere quedar de brazos cruzados" nin pode "finxir" ante un Goberno "que ataca a unidade nacional" e "que é culpable por ir contra o Estado de dereito", entre outras políticas.
"Vox tentouno todo nesta lexislatura, denunciando o Goberno nos tribunais, con dúas mocións de censura, e haberá quen diga que Vox comete erros, e estou de acordo, pero ninguén poderá dicir que Vox permaneceu mirando para outro lado", explicou Abascal.
Abascal estivo acompañado polo seu portavoz no Cámara Baixa, Iván Espinosa de los Monteros; polo secretario xeral do grupo parlamentario, José María Figaredo, e pola senadora Pepa Millán, entre outros parlamentarios. Non así por Tamames xa que, a pesar de ser o candidato á presidencia do Goberno, non pode comparecer no Congreso por non ser deputado.
E a segunda tampouco será a vencida. Ten algo de censura pero nada de emoción. O presidente de Vox, Santiago Abascal, sabe que se o Partido Popular non cambia de postura, só contará co apoio dos 52 deputados do seu grupo. Pero Abascal asegura "que non vai tirar a toalla" no empeño de convencer a Feijóo para que vote a favor da iniciativa. Pero en realidade, o obxectivo de Vox non é tanto Pedro Sánchez. É máis ben Feijóo. Quéreno retratar, gañar foco mediático e aspirar a algúns dos seus votos.
Malia insistencia dos de Abascal, no PP marcan distancias. Absteranse. O voceiro electoral do PP, Borja Sémper, acusa a Vox de "saír ao rescate" de Sánchez e do seu Goberno "en lapas". No PP hai moito malestar e así o plasmarán o mesmo día do debate. Alberto Núñez Feijóo non asistirá ao Congreso cando se debata a iniciativa. Desprezan o movemento por táctico e por "obedecer a intereses electorais".
No seo do Goberno, ven o movemento de Vox tamén como unha oportunidade para desgastar a Feijóo. Os socialistas apelan á súa valentía e pídenlle que faga o mesmo co seu antecesor no cargo, Pablo Casado, que votou en contra na que se debateu en outubro de 2020.
Agora a Mesa do Congreso debe fixar a data do debate. Abascal agarda "que sexa dentro dos prazos habituais para este tipo de iniciativas, entre 5 e 30 días despois do seu rexistro". A idea que teñen, se fose adiante, é convocar eleccións xerais do 28 de maio, facer un superdomingo electoral con muncipais e autonómicas.
Das cinco mocións presentadas en democracia, só prosperou a de Sánchez contra Rajoy en xuño de 2018.