En liberdade nove dos detidos en relación coa construción de planadoras para o narcotráfico
En liberdade nove dos detidos en relación coa construción de planadoras para o narcotráfico
Os outros doce pasan mañá a disposición xudicial
Un dos detidos é curmán do narcotraficante Sito Miñanco
Houbo rexistros en Galicia, no resto de España e mesmo en Portugal
Os detidos no marco da operación contra a construción de planadoras para o narcotráfico desenvolvida en España e Portugal ascenden a 21, segundo confirmación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Doce pasarán este venres a disposición xudicial, entre os que están 5 arrestados en Galicia. Entre eles figura un curmán do narcotraficante Sito Miñanco.
Os outros nove implicados quedaron en liberdade tras declarar ante a Policía Nacional e a Garda Civil.
O Xulgado de Instrución número 4 de Cambados ordenou 27 rexistros en vivendas e naves o mércores, nas vilas de Cambados, cinco en Vilagarcía, un en Ribeira, ademais doutros en Salamanca, Martorell, Sant Feliu de Llobregat, Barcelona, Torrexón de Ardoz, Alcobendas e Arganda del Rey.
Os rexistros restantes realizáronse en Portugal, en colaboración cos maxistrados da Axencia da Unión Europea de Cooperación Xudicial Penal (Eurojust), que realizaron os trámites necesarios para que fose executada a orde europea de investigación ditada polo xulgado de Cambados.
Nas entradas e rexistros interviñéronse embarcacións, moldes para facer embarcacións, diñeiro en efectivo e outros efectos supostamente destinados a actividade ilícita. A organización galega investigada presuntamente abastecía outras bandas organizadas de narcotraficantes que utilizan estas lanchas rápidas para trasladar a droga desde o buque principal en alta mar a terra.
No operativo participaron membros de dous grupos da Garda Civil (ECO e EDOA) especializados en delitos relacionados co narcotráfico e axentes da Policía Nacional e de Vixilancia Aduaneira.