Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ximo Puig deixa o Senado para ser embaixador de España ante a OCDE

Ximo Puig deixa o Senado para ser embaixador de España ante a OCDE

O Consello de Ministros aprobará este martes o nomeamento do expresidente da Generalitat Valenciana 

G24.gal 19/02/2024 19:40 Última actualización 19/02/2024 20:49

O Consello de Ministros aprobará este martes o nomeamento do expresidente da Generalitat Ximo Puig como embaixador ante a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE).

Precisamente este luns Puig renunciou á acta de senador territorial en representación da Comunidade Valenciana nunha carta remitida á presidenta das Cortes Valencianas. O aínda secretario xeral do PSPV-PSOE foi designado senador por Les Corts Valencianes o pasado 27 de xullo, despois de perder o Goberno da Generalitat en maio.

No escrito de renuncia presentado no parlamento, Puig mostra o seu agradecemento á cámara autonómica por conferirlle a honra de representar o territorio valenciano no Senado durante os primeiros meses desta lexislatura.

"Desexo que continuemos traballando, desde as comunidades autónomas, para transformar o Senado nunha auténtica cámara de representación territorial que axude a entender mellor a diversidade polifónica de España e atenda de maneira máis adecuada a cohesión territorial e social da nosa sociedade", engadiu Ximo Puig.

Puig deixará de ser secretario xeral dos socialistas valencianos oficialmente no Congreso de final de marzo, en que se proclamará a Diana Morant como secretaria xeral, tras ser a única candidata que conseguiu recoller os avais necesarios.

O nomeamento do expresidente valenciano como embaixador ante da OCDE súmase aos exministros Héctor Gómez e Miquel Iceta como novos representantes permanentes de España ante a ONU en Nova York e ante a UNESCO, respectivamente, unha decisión que xerou malestar entre os diplomáticos, que lamentaron a falta de traxectoria internacional de ambos para ocuparen estes postos que requiren un perfil técnico.

Tamén a exministra de Sanidade, a socialista Carmen Montón, foi designada representante ante a Organización de Estados Americanos (OEA) en Washington. Hai que engadir a exministra de Educación Isabel Celáa como embaixadora ante a Santa Sé e a Angel Martín Peccis en Cuba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade