Xornada de esquí e neve en Manzaneda con dezaoito pistas abertas
Xornada de esquí e neve en Manzaneda con dezaoito pistas abertas
O vento atrasou a apertura das telecadeiras
Durante a fin de semana contan con autobuses para facilitar os desprazamentos dentro da estación
No día de hoxe contáronse por centos as persoas que se achegaron ata a estación de montaña de Manzaneda. Grandes e pequenos de todos os recunchos de Galicia quixeron aproveitar a oportunidade de gozar da neve.
Foi por mor do vento polo que a xornada de esquí comezou hoxe algo máis tarde do habitual. Os fortes refachos sobre todo na parte superior da estación provocaron o atraso na apertura da telecadeira. Quedou resolto contra as once e media da mañá. Daquela xa eran moitos os que agardaban.
"A xente vén moi ilusionada a pasar o día e a gozar con nós da neve" di, Víctor Picos, director da estación de montaña de Manzaneda.
Centos de persoas achegáronse hoxe ata a estación. Para moitos é a primeira ocasión nesta tempada de probar as táboas ou os esquís.
"O primeiro día da tempada, tiñamos moitas ganas de vir. Contabamos con que igual chovese un pouquiño, pero paga a pena".
"O primeiro día da tempada porque durante a semana non podemos vir, entón aproveitamos a fin de semana para vir gozar un pouquiño".
Hai dezaoito pistas abertas e algo máis de trece quilómetros esquiables.
"Hai que aproveitar os días bos que haxa. Hoxe hai un pouquiño de vento, pero imos intentar facer o día".
"Para min é o primeiro día do ano e seguramente tamén o último porque somos de lonxe, somos da zona de Santiago, e leva case tres horas chegar aquí.".
As previsións meteorolóxicas din que vén a chuvia, por iso moitos hoxe non querían deixar pasar a oportunidade de gozar dunha xornada coma esta.
"Hai pouca neve, un pouco de xeo, pero para pasar o tempo cos rapaces vale.".
"É a primeira vez que vimos co rapaz a ver a neve".
"Si, ostras!, está perfecta".
Contan durante a fin de semana con autobuses para facilitar os desprazamentos dentro da estación e evitar así a aglomeración de vehículos e os atascos. Así que só queda gozar da xornada.