Xinzo de Limia rexistra unha oscilación térmica no mesmo día de case trinta graos
Xinzo de Limia rexistra unha oscilación térmica no mesmo día de case trinta graos
O concello ourensán estivo a -10 graos de noite e chegou a 18 ao mediodía
A cidade de Pontevedra rexistra a temperatura máxima, con 22,5 graos
A última fin de semana de xaneiro remata con tempo seco, solleiro e frío
Xornada de moito contraste térmico entre as primeiras horas do día e unha tarde solleira de temperaturas moi agradables. Ata os 22,5 graos subía o termómetro en Pontevedra. Mentres, a friaxe intensa, sobre todo, no sur da provincia de Ourense, baixaba o mercurio ata os -10 graos na Limia.
Con xeada e moito frío, así amencía a Limia, onde se rexistraba a temperatura máis baixa de Galicia, -10 graos en Xinzo. E poucas horas despois o termómetro ascendía ata rozar os 18.
Case 30 graos de contraste térmico, tamén na cidade de Ourense pasaron dos -4 aos 18 pola tarde. No sur da provincia de Ourense encadean xa dúas semanas con temperaturas xélidas, ás que xa están acostumados.
"Aquí na Limia estamos acostumados ao frío, é o que hai, hoxe con -10 graos, a mañá estaba un pouco fresca, pero ao entrar un pouquiño en calor xa se quita o frío", comentan dous veciños en Xinzo.
"Pasamos moito frío, as noites tamén son frías e aproveitamos o sol para saír un pouquiño pola tarde", di unha veciña en Ourense.
Tempo de inverno pola mañá e primaveral pola tarde. Temperaturas moi suaves tamén na costa que convidan a saír de paseo pola Coruña. E na cidade de Pontevedra chegaron aos 22 graos e medio.
"Non podemos ter tempo de primavera en xaneiro", asegura un veciño en Xinzo.
"Véxoo raro, porque non chove", di unha veciña en Ourense.
Seguimos sen chuvia, polo de agora, segue o tempo solleiro e frío, pero hai quen recorda invernos máis fríos.
"Eu acordo invernos moito peores que este". "Había xeadas grandísimas tamén, cando iamos á escola, e había un tanque alí e púñase cheo de xeo", contan dous veciños.
O mes de xaneiro remata seco, con sol e ceo despexado e cunha importante oscilación térmica entre os días e as noites.