Xornada de portas abertas no Centro Superior de Hostalería de Galicia
Xornada de portas abertas no Centro Superior de Hostalería de Galicia
Imparte o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras con dúas especialidades
Alumnado de segundo de bacharelato coñece o programa docente antes de elixir a súa formación universitaria
Para aqueles que queiran iniciar a súa formación en xestión de empresas hoteleiras, o Centro Superior de Hostalería de Galicia está a celebrar todos os sábados xornadas de portas abertas para dar a coñecer o seu grao formativo. Ofrece dúas especialidades, a de Dirección Hoteleira e a de Gastronomía.
Acompañado das súas familias o alumnado que está a cursar na actualidade segundo de Bacharelato segue con atención as explicacións sobre como pode ser a súa formación a partir do outono. É o propio profesorado quen lles amosa o centro: as cociñas, os comedores, as aulas de catas, espazos onde aprenderán practicando para ser quen de xestionalos.
"Eu xa levo catro ou cinco anos pensando en facer hostalería, en concreto a área de gastronomía. Entón quería coñecer este sitio e probar a ver que tal está. Efectivamente é unha marabilla. O que máis valoro é que neste centro ensínanche a chegar algo desde abaixo. Ti tes que pasar por todos os postos de traballo para saber como hai que dirixilos", aseguraba con interese Xaime Pena, un mozo de Betanzos que acudiu á xornada de portas abertas.
"Nós o que formamos son directivos, xestores. Agora mesmo o momento é moi bo e as cadeas hostaleiras son as que máis saídas profesionais teñen. Elas son as que nos acompañan continuamente, co seu departamento de recursos humanos, e captan ao alumnado desde primeiro", detallaba o director do CSHG, Xosé Paz Gestoso.
O alumnado que leva xa case un ano no centro valora a experiencia.
"É un método de estudos completamente diferente ao que coñecemos e estamos afeitas na universidade. Creo que iso é o que máis atrae deste grao. Ao final é práctica e teoría e valoro a preparación que che dan as prácticas", asegurou Andrea Novo, estudante do primeiro curso.
"Gústame a experiencia dos mestres. Todos teñen un currículo inmenso, envexable. Temos profesores de cociña que abriron restaurantes con estrela Michelín, profesores de teoría que escribiron libros e teses" Valorou Alejandro Marón, procedente do Salvador e que tamén estuda o primeiro curso do grao.
Ata finais de xuño o Centro celebrará estas xornadas divulgativas e nas próximas semanas dará a coñecer o programa de bolsas formativas que permitan un acceso máis amplo ao estudantado.