Piden sete anos de cadea para un mozo italiano por darlle unha brutal malleira a un peregrino
A acusación particular pide aumentar a cualificación dos feitos de tentativa de homicidio a tentativa de asasinato por mediar aleivosía
Esta mañá quedou visto para sentenza na Audiencia Provincial da Coruña un xuízo contra un mozo italiano acusado de intento de homicidio a outro peregrino en Santiago no ano 2023. O acusado deulle unha malleira de madrugada á saída dun local de ocio nocturno, que lle causou graves lesións.
Os feitos polo que o mozo italiano de 20 anos permanece hoxe en prisión provisional remóntanse a agosto do 2023. Foi unha malleira que lle propinou, sen aparente motivación, a un mozo cántabro que coma el remataba o Camiño de Santiago esa noite de verán. Tamén agrediu outras persoas que o acompañaban. A Fiscalía solicita 7 anos de cadea para el, pero a acusación particular pide que a posible pena aumente de 10 a 15 anos por entender que podería tratarse dunha tentativa de asasinato e non de homicidio, como pedira no escrito de acusación.
As lesións que lle causou foron graves, estivo varios días na UCI, requiriu ata 223 para a súa estabilización e sufriu dano psicolóxico. Pola súa banda, a defensa pide ter en conta a atenuante da actuación baixo os efectos do alcol e deixar a cualificación dos feitos nun delito de lesións, que suporía un máximo de tres anos de cárcere.