Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un formador admite o perigo da curva en Angrois, aceptada "como animal de compañía"

Un formador admite o perigo da curva en Angrois, aceptada "como animal de compañía"

"Que fixemos? Cambiar o chip. Onde hai vía libre teño que frear", di Manuel González Sánchez logo de que se advertise do risco do treito e non se tomasen medidas 

G24.gal 17/11/2022 08:57 Última actualización 17/11/2022 11:23

Manuel González Sánchez, formador de maquinistas, admitiu este xoves que era "evidente" o risco na curva da Grandeira, e dixo que como nada se fixo respecto diso, pois admitiuse este xiro "como animal de compañía".

"Despois da contestación a Mazaria [sobre o correo electrónico do xefe de maquinistas de Ourense que advertía dos perigos da curva da Grandeira], dicindo que iso era legal, axustado a norma, que fixemos? Cambiar o chip. Onde hai vía libre teño que frear. Esa foi a contradición con que tiñamos que traballar", asegurou Manuel González Sánchez.

"Aceptamos curva de Angrois como animal de compañía, tivemos que convivir con ela ata o día do accidente e despois déronse conta de que había que poñer unha sinalización aí", afirmou contundente.

Na sesión do xuízo deste xoves, esta testemuña dixo coñecer ese correo de alerta enviado por José Ramón Iglesias Mazaira e concordar absolutamente co seu contido.

Mazaira redactara ese informe en decembro de 2011, e nel, entre outras cuestións, expuña "estudar a posibilidade de solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas".  

E é que, segundo avisaba, nesa zona "unicamente existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa".   

Ese perigo era "comunmente coñecido", subliñou González Sánchez este xoves na sala de vistas instalada na Cidade da Cultura. Todos os maquinistas coñecían a denuncia do perigo da curva da Grandeira, o risco era "evidente" para os maquinistas, "tamén para min; pasei por alí máis de 400 veces", asegurou.

González Sánchez contradixo unha das testemuñas que declarou este mércores, o cargo de seguridade de Renfe Ángel Lluch, quen aseverou que "nunca" recibira o correo de Iglesias Mazaira coa advertencia sobre o perigo da curva da Grandeira. "Díxenlle: Como non o vas recibir se o temos todos!", asegurou.  

Noutro momento, esta testemuña subliñou que "para nada" o cadro de velocidades máximas indica o punto en que hai que comezar a frear, e resaltou que os maquinistas non tiñan "contacto ningún" co Adif.

E advertiu da importancia que tiña esa sinalización que se reclamaba porque "se tes un lapsus pero a sinalización te corrixe non hai problema ningún, o problema é cando tes lapsus e ningunha barreira. Ese é o problema da curva de Angrois, ou era. Agora xa non".

Foi preguntado polo uso do teléfono móbil corporativo, respecto do cal afirmou que estaban obrigados a levalo operativo debido a que é unha ferramenta de traballo.  

Acerca de se existía algún protocolo que regulase a súa utilización, comentou que había unha guía de boas prácticas, pero que iso "non é algo que teña que saber e aplicar obrigatoriamente o maquinista", xa que "son recomendacións".  

"Coller o teléfono nese punto supoñía algún risco?", interrogouno o representante de Garzón. "Non, entendo que non. Se teño barreiras que mitigan o risco, entendo que non", contestoulle este formador de maquinistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade