Yolanda Díaz: "Quero ser a primeira presidenta deste país"
Yolanda Díaz: "Quero ser a primeira presidenta deste país"
A líder de Sumar fixo oficial a súa candidatura ás xerais diante de 3.000 persoas
Quince formacións políticas e o líder de Podemos Galicia con Yolanda Díaz
Con aplausos e berros de "presidenta" recibiron a Yolanda Díaz as máis de 3.000 persoas que asistiron á presentación da súa candidatura ás eleccións xerais, no polideportivo Magariños de Madrid.
A líder de Sumar contou co apoio dunha decena de formacións situadas á esquerda do PSOE como IU, Máis País, os comúns, e tamén representantes dos sindicatos maioritarios e de organziacións sociais como CERMI, SOS racismo ou a ONCE.
Finalmente non acudiu ninguén da dirección de Podemos, que esixía un acordo por escrito para celebrar primarias abertas antes das eleccións de maio. Pero si estiveron membros da formación morada coma o galego Borja San Ramón.
O acto comezou coa intervención de representantes de todos os sectores da sociedade como a primeira muller trans, Carla Antonelli.
"Unha muller presidenta, que xa toca, levamos 45 anos de democracia e vas ser ti Yolanda, vas ser ti, xa cho digo".
Na súa intervención, con múltiples referencias a Galicia, a líder de Sumar falou de feminismo, de diálogo, de política con maiúsculas, de saúde mental, de dependencia e de limitar o prezo de alugueiro da vivenda.
"Quero ser a primeira presidenta de España e ímolo conseguir co voso apoio".
Sumar e outros grupos implicados no proceso confían en que as negociacións para a confluencia con Podemos se intensifiquen despois das eleccións municipais e autonómicas de maio, momento en que Yolanda Díaz terá que armar o partido ou coalición coa que se presentará ás xerais.