Yolanda Díaz rexeita proposta do líder de UXT de retirar subsidios a quen rexeite empregos
Yolanda Díaz rexeita proposta do líder de UXT de retirar subsidios a quen rexeite empregos
Unai Sordo, secretario xeral de CC. OO., tamén se opón á medida
Pepe Álvarez explica as súas palabras: "Non hai persoas de maneira significativa que rexeiten un emprego... pero é un tema do que debemos falar"
Pepe Álvarez lanzaba este xoves a proposta, e recoñecía que non é a esperable dun líder sindical. "Unha persoa que rexeita unha oferta de traballo recibindo un subsidio público, sexa de desemprego ou mínimo vital, eu creo que o país debería pensarse se debe seguir cobrándoo ou non".
O líder de UXT dixo que isto priorizaría a contratación entre os case tres millóns de parados en España, en vez de acudir a traballadores estranxeiros para cubrir sectores necesitados de persoal, como propón Escrivá.
Ao preguntarlle por se o seu ministerio contempla esta posibilidade, Yolanda Díaz negábao de forma contundente. Tampouco está de acordo o líder de Comisións Obreiras, que cre que o problema non radica aí, senón nos salarios baixos e na mobilidade xeográfica.
"Ese non é o problema non hai que endurecer para nada o acceso a prestacións que xa teñen unha regulación. Creo que é unha expresión... estou convencido de que non quería dicir iso", sostén Unai Sordo.
Pepe Álvarez matizaba este venres as súas palabras: "Non hai persoas no noso país de maneira significativa que rexeiten unha oferta de traballo. Agora, unha vez que a unha persoa se lle da unha formación, se lle fai unha oferta de traballo... pois creo que é un tema que temos que falar. Pero a min non me consta que nestes momentos ocorra no noso país", concluía o líder de UXT.