Publicador de contidos
Publicador de contidos

Zelenski di que o bombardeo ao hospital de Mariupol é "a proba final do xenocidio"

Zelenski di que o bombardeo ao hospital de Mariupol é "a proba final do xenocidio"

O presidente de Ucraína pídelle á UE que reforce as sancións contra Rusia

Este xoves abríronse sete corredores humanitarios para evacuar civís

G24.gal 10/03/2022 08:13

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, cre que o bombardeo ruso da maternidade dun hospital de Mariupol é "a proba final do xenocidio" que se está cometendo contra os ucraínos.

Este mércores as autoridades ucraínas confirmaban tres mortos nese ataque, dous deles menores, e dezasete feridos.

Nunha mensaxe de vídeo publicada esta noite, Zelenski pediu aos socios da Unión Europea que reforcen as sancións contra Rusia para poñer fin á guerra.

"As bombas rusas caeron sobre un hospital e un hospital de maternidade en Mariupol. O hospital de nenos. O hospital de maternidade que estaba en funcionamento! Os edificios están destruídos", dixo Zelenski ao describir o bombardeo.

"Bombardear o hospital de maternidade é a proba final, a proba de que se está producindo un xenocidio de ucraínos. Europeos! Non poden dicir que non viron o que lles sucedeu aos ucraínos en Mariupol", espetou Zelenski no seu vídeo.

Tras este suceso, na súa opinión, deben fortalecerse "as sancións contra Rusia para que xa non teña ningunha oportunidade de continuar con este xenocidio. (Europa) Debe meterlle presión a Rusia para que sente á mesa de negociacións e termine esta guerra brutal".

O Kremlin asevera que destruíu case toda a defensa antiaérea ucraína e reitera que non ataca obxectivos civís. Unha voceira de exteriores rusa dixo que había forzas de combate equipadas no hospital.

A comunidade internacional pronunciouse ante esta acción de guerra: a ONU di que é horrenda, os Estados Unidos condenan o que chaman un uso bárbaro da forza militar.

Exército ucraíno trata de frear o avance ruso polo sueste

O exército ucraíno informa este xoves de que se esforza por frear o avance da ofensiva militar rusa polo sueste do país, onde as forzas militares de Moscova seguen tentando controlar unha franxa de territorio ata o estratéxico porto de Odesa, a fin de crear un corredor terrestre que inclúa a anexionada península de Crimea.

Segundo o parte de guerra do Ministerio de Defensa de Ucraína, o seu exército "continúa freando" a ofensiva das forzas armadas rusas na cidade de Donetsk e noutras áreas do sueste do país.

Así mesmo, deu conta de operacións de defensa nas cidades de Khárkiv e Okhtirka. No parte de guerra din que tamén prosegue a "defensa circular" da cidade de Mariupol, máis próxima á costa do Mar de Azov.

En Mariupol, que leva sendo obxecto desde hai dez días do asedio das tropas rusas, apoiadas por fortes bombardeos, morreron xa 1.207 civís desde que comezou a invasión, segundo informou o seu alcalde Vadim Boichenko.

Noutras frontes, o parte dá conta de operacións no norte do país para protexer a fronteira con Belarús e para evitar o avance de tropas rusas cara a Kíiv, a capital.

Ucraína abre de novo corredores humanitarios, pero o de Mariupol segue bloqueado

O corredor humanitario acordado entre Ucraína e Rusia para evacuar a asediada cidade ucraína de Mariupol está totalmente bloqueado, mentres o aberto nos arredores de Kíiv mantén unha mellor situación, aínda que tamén a súa evolución é incerta.

Segundo datos da viceprimeira ministra, Iryna Vereshchuk, non todos os corredores humanitarios abertos en Ucraína, en total sete, están a funcionar de forma adecuada.

“Mariupol permanece completamente bloqueada para a evacuación de persoas e para a axuda humanitaria. A loita continúa na área entre Horikhovo e Polohy, o noso cargamento humanitario regresou a Zaporinyia", asegurou a ministra.

E agregou que "por cuarto día consecutivo non podemos entregar auga, medicinas necesarias e alimentos" á poboación.

Vereshchuk explicou que a situación é algo mellor no corredor de Kíiv e nas cidades da súa contorna: Bucha, Irpin e Hostomel, que tamén sofren os ataques do Exército ruso.

A apertura destes corredores humanitarios responde aos acordos alcanzados por Rusia e Ucraína na terceira rolda das negociacións que iniciaron en Belarús. Estes corredores non foron totalmente operativos, en moitos casos debido aos ataques que ambos os bandos denuncian que sufriron por parte do exército contrario.

Desde que comezou a invasión e, segundo cifras da ONU, máis de dous millóns de ucraínos tiveron que deixar as súas casas e centos de miles abandonaron o país en dirección a nacións veciñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade