Publicador de contidos
Publicador de contidos

Zuckerberg anuncia dez millóns de descargas de Threads nas primeiras horas

Zuckerberg anuncia dez millóns de descargas de Threads nas primeiras horas

Está destinada a converterse nunha plataforma alternativa a Twitter

G24.gal 06/07/2023 09:18

O presidente de Meta Mark Zuckerberg anunciou que nas primeiras sete horas, tras o seu lanzamento, houbo dez millóns de descargas da súa nova rede social de conversas Threads, coa que quere facer a competencia a Twitter.

"Dez millóns de inscricións en sete horas", informou Zuckerberg nunha mensaxe á súa conta na nova rede social, na que se fai chamar Zuck, tres horas despois de anunciar que despois das primeiras catro horas se superou a cifra de cinco millóns de abonados.

A nova rede social comezou a estar dispoñible para a descarga o mércores, pero con algúns problemas técnicos; está destinada a converterse co tempo nunha plataforma maior que Twitter, para o que necesita seguir sendo "amigable", segundo Zuckerberg.

"Levará algún tempo (...). Debería ser unha aplicación de conversacións públicas con máis de mil millóns de usuarios", declarou o propietario de Meta antes do lanzamento.

O arranque da nova rede social de Meta, xigante que é propietario tamén de Facebook, Instagram e WhatsApp, produciuse con dous grandes inconvenientes: a falta de acceso dos países da Unión Europea, aparentemente por dificultades coas leis de protección de datos da UE, e nos teléfonos Android.

O lanzamento de Threads, unha plataforma que levaba tempo en desenvolvemento, parece aceleralo o equipo de Zuckerberg como resposta á restricións anunciadas por Twitter ao número de lecturas de mensaxes diarias e aos contidos en aberto.

A aplicación, que está vinculada a Instagram e mantén o nome de usuario da rede social das fotos e vídeos, ten unha interface moi similar á de Twitter, pero máis simple: as mensaxes agrúpanse en dúas pestanas, a de "fíos" (como a de Tweets) e de "respostas", e as mensaxes poden recibir corazóns, comentarios e reenvíos, ademais de compartirse.

Segundo Meta, xigantes do entretemento e a prensa como Billboard, HBO, a radio pública dos EUA (NPR) ou Netflix xa tiñan conta en Threads minutos despois do lanzamento da nova rede social, que está dispoñible nun centenar de países.

Entre as celebridades que se sumaron á nova rede social, segundo Meta, están Shakira, o cociñeiro Gordon Ramsay e o piloto de Fórmula 1 Lando Norris. 

O Twitter da era Musk

Os usuarios de Twitter mostráronse cada vez máis irritados polos bandazos que vén dando a rede social do paxariño desde que o multimillonario Elon Musk comprou a empresa o ano pasado, xa que impuxo distintas fórmulas para tentar rendibilizala, como cobrar polas contas verificadas e, agora, limitar o seu uso diario para combater os bots.

Desde que esta semana se anunciou o lanzamento de Threads, o confundador de Twitter Jack Dorsey e o propio Musk, por separado, alertaron sobre supostos problemas de privacidade da nova rede social de Instagram, da que dixeron que apañará todo tipo de datos sensibles dos usuarios, incluída identidade, estado de saúde e forma física, finanzas ou contactos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade