A DXT prevé máis dun millón de desprazamentos no noroeste, incluída Galicia, nesta ponte

O operativo especial arrincará este martes ás 15,00 horas e durará ata a medianoite do próximo domingo 10 de decembro

Estímase un incremento dos movementos dun 17,13% respecto aos datos do 2022

No panorama nacional espéranse 7.830.000 de desprazamentos

G24.gal 05/12/2023 10:33 Última actualización 05/12/2023 21:14

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé ata 7.830.000 desprazamentos de longo percorrido nestes vindeiros días festivos da ponte da constitución e da Inmaculada. No noroeste, incluída Galicia, hai previstos 1.017.900 desprazamentos, ao redor do 13 % do total. O operativo especial arrincará este martes ás 15:00 horas e durará ata a medianoite do próximo domingo 10 de decembro.

En comparación co ano 2022, a previsión de desprazamentos de Tráfico estima un incremento do 17,13 %, aínda que respecto ao 2017, último ano en que as festividades coincidiron cun mércores e venres, o aumento é dun 10,04 %.

A DXT sinalou que as estradas máis afectadas pola intensidade do tráfico serán a AP-9 e as autovías A-6, A-8, A-52 e A-55, aínda que tamén se espera tráfico intenso na nacional N-550, entre outras máis.

O departamento que dirixe Pere Navaro ten preparado un operativo especial que inclúe medidas de regulación, ordenación e vixilancia que garantan a mobilidade e a fluidez nas estradas e, ao mesmo tempo, velen pola súa seguridade viaria.

A DXT contará coa máxima dispoñibilidade dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e demais persoal funcionario e encargado do mantemento de equipos e estradas, xunto con 780 radares fixos de control e unha gran cantidade de dispositivos durante estes días. Ademais, terán á disposición drons e helicópteros para a vixilancia desde o aire por todo tipo de vía, comprobando o correcto comportamento dos condutores durante a condución.

Horas punta da operación saída

Tráfico explicou que, ao celebrarse as festividades en mércores e venres, a saída dos grandes núcleos urbanos terá lugar en dúas fases: a primeira máis significativa, o martes 5 (entre as 17:00 e as 22:00 horas) e o mércores 6 (de 10:00 a 14:00 horas). A segunda comezaría o xoves 7 (entre as 18:00 e as 22:00 horas) e remataría o venres 8 (de 9:00 a 14:00 horas).

Por outra parte, o retorno estaría concentrado todo o domingo 10, entre as 16:00 e as 23:00 horas. Prevese que durante os días intermedios se produzan movementos curtos coincidindo cos días festivos. 

Por iso, a DXT preveu a instalación de carrís reversibles e adicionais con conos para desconxestionar o tráfico nas horas de maior circulación. Ademais, tamén se paralizarán as obras nas estradas, limitarase a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada e restrinxirase a circulación de camións en xeral e os que transportan determinadas mercadorías en certos tramos, datas e horas.

Por último, antes de saír de viaxe, Tráfico aconsella revisar o vehículo para garantir que "todos os elementos resisten as condicións ambientais máis severas que implican as baixas temperaturas". Engaden que é clave "planificar a viaxe polo tramo máis seguro, evitando así imprevistos e sempre informándose do estado das estradas a través das redes da DXT, boletíns informativos e o teléfono 011".

A DXT aconsella, principalmente, evitar as distraccións ao volante, levar posto o cinto de seguridade e ben protexidos os menores nos seus sistemas de retención infantil, respectar a velocidade establecida na vía e adaptala ás súas condicións, lembrando que existe a posibilidade de condicións meteorolóxicas adversas que dificulten a condución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade