A Xunta pretende ampliar as restricións no uso do móbil en idades temperás

Galicia foi unha das comunidades pioneiras en prohibir o seu uso nas aulas, agás como ferramenta pedagóxica

As novas restricións poderían afectar os recreos

Desde a Xunta apostan por buscar "o consenso do sistema educativo, o sistema sanitario e as familias"

 

G24.gal 11/11/2023 14:51 Última actualización 11/11/2023 17:39

En Galicia, o uso persoal dos teléfonos móbiles dentro das aulas está prohibido desde o ano 2015. Foi, por tanto, unha das comunidades pioneiras en prohibir esa utilización dos móbiles, agás como ferramenta pedagóxica co control do profesorado e dentro da programación docente.

Agora a consellería de Sanidade é partidaria de ampliar as restricións no uso do móbil aos menores, restricións que poderían afectar aos recreos.

"O que se está formulando agora é nunha lei promovida pola consellería de Sanidade, que fai referencia ao uso do teléfono móbil que no eido educativo xa está prohibido, salvo para o seu uso educativo na aula con control do profesorado e dentro da programación docente, despois, nos recreos, é unha cuestión que entra dentro da autonomía dos centros. A inmensa maioría o teñen prohibido pero si nos consta que nalgúns centros si se usan durante os recreos", destaca Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Desde a Xunta apostan por seguir regulando neste eido, buscando "o consenso do sistema educativo, o sistema sanitario e as familias".

"Creo que aquí hai unha dobre responsabilidades: unha básica e fundamental das familias porque quen lles compra o móbil aos nenos? quen lle permite o seu uso?, e outra o educativo. No sistema educativo sempre se formula un bo uso do móbil. Se sanitariamente se fai unha recomendación ou se lexisla dentro do marco legal que se está regulando dentro do ámbito de Sanidade pois, obviamente, farase un seguimento e un cumprimento da normativa que sexa", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade