As confrarías de Rianxo e Noia volven sementar as toneladas de bivalvos que apareceron nas praias

 Repóñenas en zonas máis profundas da ría en que hai máis salinidade 

Ao solpor, a confraría de Noia xa tiña recollidas 50 toneladas de bivalvos da praia do Testal
G24.gal 06/11/2023 21:21 Última actualización 06/11/2023 21:35

As e os mariscadores de Noia carrexaron e cargaron durante toda a tarde e ata o solpor os seus barcos para intentar salvar as toneladas de cría de bivalvo que apareceron na area da praia do Testal coa baixamar, igual que pasou na praia da Torre de Rianxo. Son arredor de 70 toneladas, como explica Santiago Cruz Martínez, patrón maior da confraría de Noia.

"Quitamos 50 toneladas que, se as deixamos aí, van morrer todas, a ver se recuperamos o 20 % da cría de berberecho e mais ameixa xapónica".

Con pas e a toda présa recollíanas da praia para intentar salvar o máximo posible. Aínda quedan outras 20 ou 30 toneladas máis que prevén recoller o martes á tarde para volver sementar todo o que poidan.

"Están sementando onde máis profundidade, onde hai máis salinidade hai e onde menos lle pegan as ondas. Estes días deixaron bastante salinidade".

Cren que foi unha combinación do mar batido que ocasionaron as borrascas e a apertura do encoro próximo de Barrié de la Maza en baixamar o que rebaixa máis a salinidade da auga.

"Houbo moitas borrascas, tamén o vento forte e despois o encoro que abren na baixamar. Estamos pedindo desde a confraría, que somos 1.700 familias prexudicadas, que non abran na baixamar, teñen 14-16 horas para soltar na preamar".

Están pendentes de reunirse con Naturgy, propietaria do encoro, e pídenlle á Xunta urxencia para solucionar a situación xa que queda todo o inverno de mal tempo por diante.

O martes comezarán a estudar durante varios días o alcance cunha bióloga a bordo dun barco.

Desta cría depende a campaña vindeira, tras unha desastrosa que tiveron que pechar só nunha semana con perdas que cifran en 14 millóns de euros. O sentimento maioritario é de impotencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade