Castro Caldelas repite este domingo as eleccións municipais
Castro Caldelas repite este domingo as eleccións municipais
1.123 veciños están chamados a votar nestes segundos comicios tras anularse o 28 de marzo 118 votos que poderían decantar o resultado
O concello de Castro Caldelas repite este domingo, día 26 de novembro, as eleccións municipais como así decretou a xunta electoral ao estimar que se rompeu a custodia e que non se contabilizaron un total de 118 votos por correo.
Os 1.123 veciños chamados a votar poderán exercer o seu dereito ao voto nas tres mesas que se habilitan no municipio e que estarán situadas no centro de saúde, no colexio e no Concello entre as 9:00 e as 20:00 horas.
Para estes comicios os partidos non puideron celebrar mitins nin actos electorais. Con todo, si hai certa tensión política, tendo en conta que o pasado 28 de maio as 118 papeletas impugnadas poderían decantar o resultado.
Nesa xornada a Xunta Electoral de Zona mandou, tras impugnacións dos populares, apartar e non remitir ás mesas eses votos despois da polémica por suposta fraude nunha residencia de anciáns da localidade.
Posteriormente, tras o recurso do PSdeG-PSOE, que con todo lograra a maioría absoluta por 27 papeletas, a Xunta Electoral Central emitiu esa resolución firme que ordenaba a repetición.
O resultado antes das impugnacións era de cinco concelleiros para o PSdeG, con Sara Inés Vega, alcaldesa en funcións, como candidata, e catro concelleiros para a candidatura do PPdeG, encabezada por César Enríquez Diéguez 'Cachín'. Pola súa banda, a terceira lista que se presentaba, a do BNG con José Luis Prieto como candidato, non obtivo representación.
Precisamente a Xunta Electoral Central (XEC) ampliou ata este venres, 24 de novembro, o prazo para o depósito do voto por correo para as eleccións locais parciais que terán lugar este domingo en localidades en que non se proclamou ningunha candidatura nas municipais do pasado 28 de maio ou se declarou a nulidade total ou parcial do resultado deses comicios.