Científicos internacionais eloxian a inmunización galega contra o virus sincitial

Galicia foi a primeira do mundo en incluír no seu calendario esta vacina, tan importante para os lactantes, xa que prevén a principal infección respiratoria que poden ter

G24.gal 04/12/2023 14:32

Os primeiros datos da campaña de inmunizacións fronte ao virus respiratorio sincitial posta en marcha en Galicia de xeito pioneiro teñen eco internacional.

Científicos e investigadores destacan na rede social X os resultados que publica a Dirección Xeral de Saúde Pública como exemplo para outros países. É cedo para unha avaliación definitiva pero din que son esperanzadores.

A campaña comezou o 25 de setembro. Galicia foi a primeira do mundo en incluír no seu calendario esta vacina, tan importante para os lactantes, xa que protexe contra a principal infección respiratoria que poden ter. Desde entón levan preto de nove mil inxeccións en bebés de menos de seis meses.

O Xefe do Servizo de Pediatría do CHUS Federico Martinón concreta: "Practicamente máis do 92 % de todos os maniños están a recibir a súa inmunoprofilaxe fronte ao virus respiratorio sincitial. E todos os grupos de rescate e de alto risco recibiron tamén a súa inmunización antes de que comezase a circular o virus". 

A resposta das famillias e a loxística chaman a atención dos científicos europeos, que seguen de preto os primeiros datos do programa que o Servizo Galego de Saúde vai publicando en tempo real.

"Aínda é moi cedo, pero a sensación é que os nenos que están ingresando son aqueles que non recibiron a profilaxe. Mentres que nos cativos que recibiron Nirsevimab a liña aínda é plana", engade Federico Martinón. 

Os científicos son cautos, porque a tempada epidémica non rematou, pero son optimistas ante ese descenso de bebés hospitalizados en Galicia. 

O Xefe do Servizo de Pediatría do CHUS insiste na importancia de protexer os menores, tamén fronte á gripe: "É importante que se vacinen xa. A metade dos rapaces xa están vacinados pero aínda nos queda outra metade. E a gripe xa está aquí. Temos ingresados rapaces con gripe que non están vacinados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade