Os armadores do Villa de Pitanxo aseguran que o barco contaba con todas as medidas de seguridade

Directivos de Pesqueiras Nores negan na súa declaración ante a Audiencia Nacional que lle metesen presión ao mariñeiro ghanés Samuel Kwesi

Extraballadores do Villa de Pitanxo cuestionan a seguridade do pesqueiro e negan que houbese simulacros

José Antonio Nores Ortega e José Antonio Nores Rodríguez á saía da Audiencia Nacional (EFE/Zipi)
G24.gal 26/11/2023 17:45 Última actualización 27/11/2023 15:16

Os directivos de Pesqueiras Nores, a armadora do Villa de Pitanxo, que este luns declararon na Audiencia Nacional como investigados polo naufraxio do pesqueiro nas augas canadenses de Terra Nova, aseguraron que o barco contaba con todas as medidas de seguridade.

O director xeral da compañía, José Antonio Nores Rodríguez, e o responsable da frota da empresa, o seu fillo José Antonio Nores Ortega, tan só responderon ás preguntas dos seus avogados e da representación legal da empresa, e mantiveron que o Villa de Pitanxo tiña traxes de supervivencia para todos os tripulantes e os certificados correspondentes.

Quedou sen aclarar, por exemplo, por que cando Salvamento Marítimo lles comunicou o naufraxio aseguraron que a bordo ían 22 persoas e non as 24 que había en realidade. E é que 22 tripulantes era a capacidade máxima do Villa de Pitanxo, pero nel viaxaban 24 a pesar de todo. 

Ante o xuíz da Audiencia Nacional, Isamel Moreno, que instrúe o caso, negaron que a empresa lle metese presión ao mariñeiro ghanés Samuel Kwesi, un dos tres superviventes, quen denunciou precisamente recibir presións para non contradicir os seus compañeiros.

A versión deste tripulante, que difire da do patrón do buque, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, apunta que o motor non parou, como estes din que ocorreu, senón que as maquiniñas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo, o que provocou a escora.

Extraballadores do Villa de Pitanxo cuestionan a súa seguridade

Un mariñeiro que traballou en varias ocasións no Villa de Pitanxo e outro que estivo a piques de embarcar case un mes antes de que naufragase cuestionaron ante o xuíz as medidas de seguridade do buque e declararon que non realizaron simulacros.

Os dous tripulantes compareceron este luns en calidade de testemuñas. Segundo informan a EFE fontes xurídicas, un dos extraballadores do Villa de Pitanxo, que traballou en dúas ocasións pouco antes da saída do naufraxio, indicou que na cuberta superior do barco non había escaleira de estribor, que permitía acceder á zona de balsas, e que a única vía de escape que tiña a tripulación era por baixo da ponte.

Esta testemuña, que tamén denunciou que apenas tiñan descansos nas súas longas xornadas, coincidiu co outro mariñeiro que estivo a piques de embarcar no buque en sinalar que nunca se realizaron simulacros de supervivencia nin contra incendios, tampouco cando o pesqueiro ía a partir de Marín, en xaneiro de 2022.

Por videoconferencia declararon tamén dous tripulantes do Nova Virxe da Barca, un dos pesqueiros que acudiu en auxilio do Villa de Pitanxo o día do naufraxio. Entraron en contradicións respecto da versión que deran hai uns meses sobre se os corpos que viran aboiado levaban ou non os traxes de salvamento.,

O avogado das familias das vítimas amosouse satisfeito coa marcha da investigación. Asegura que as probas reforzan a tese de Smauel Kwesi que apunta a graves imprudencias da armadora e do capitán do barco detrás da traxedia.

Investigación do naufraxio

O pesqueiro Villa de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros das costas de Terra Nova, en febreiro de 2022. O accidente acabou coas vidas de 21 dos 24 mariñeiros a bordo, polo que as familias dos falecidos trataron de pescudar o que sucedeu.

Ao longo da instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, como imputado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesicomo testemuñas, ao seren os únicos que sobreviviron ao naufraxio. Tamén está imputada neste caso a armadora do pesqueiro.

A investigación xudicial ten como motivo a versión que ofreceu Samuel Kwesi, que contradicía o exposto por Padín e Rial e apuntaba a posibles neglixencias por parte destes últimos, que desencadearían a traxedia.

Tras tomarlle declaración, o maxistrado prohibiulle saír de España ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle como media cautelar comparecer cada quince días na sede xudicial, ademais de estar localizado. Tamén se solicitou unha inspección ocular do barco, que se levou a cabo este verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade