O exceso de velocidade podería ser a causa do accidente mortal de Marín

Faleceron dous mozos de 16 e 17 anos e unha moza quedou ferida grave

O turismo no que viaxaban perdeu o control e bateu contra outro coche

O concello de Marín decretou dous días de loito oficial e suspendeu as actividades

Bandeiras a media hasta na casa consistorial de Marín
G24.gal 09/12/2023 09:13 Última actualización 09/12/2023 21:38

Sobre as nove e media da noite a central do 112 empezou a recibir múltiples chamadas. Varios particulares pedían axuda por un accidente de tráfico acontecido no lugar de Coirados, ao pouco de saír da vila de Marín en dirección a Moaña.

Dous turismos quedaban atravesados na metade da calzada despois de chocaren nun tramo limitado a cincuenta quilómetros por hora.

Un dos coches, no que viaxaban catro mozos, perdeu o control nunha curva para acabar batendo cun todoterreo que circulaba en dirección contraria e que non puido evitar o obstáculo. Os primeiros indicios apuntan a un exceso de velocidade como causa.

A colisión foi moi violenta, e o turismo máis pequeno levou a peor parte: dous mozos de 16 e 17 anos, que viaxaban nos asentos traseiros, falecían no lugar. Ambos os dous eran veciños de Marín.

Negativo en alcol e drogas

Outra moza que viaxaba diante resultou ferida grave e tivo que ser excarcerada polos bombeiros. O condutor, de vinte anos, só presentaba danos leves e deu negativo nos controis de alcol e drogas. Os dous feridos foron trasladados a un centro hospitalario.

Os viaxeiros do outro vehículo, aínda conmocionados polo sinistro, tiveron máis sorte e saíron ilesos do choque. A estrada permaneceu pechada ata que se retiraron os vehículos. A Policía Local investiga as circunstancias do sinistro.

Así quedaron os coches implicados no accidente

Loito oficial

O concello de Marín decretou dous días de loito oficial como "manifestación de dó e coa intención de acompañar as familias no duro camiño que lles toca percorrer" polo triste falecemento de Rubén Farto e Brais Sestelo.

As bandeiras dos edificios institucionais ondearán a media hasta durante a fin de semana e suspéndense todos os actos e as actividades culturais, deportivas e de ocio programadas para estes días.

A alcaldesa, María Ramallo, explicou que se trata dunha decisión de toda a corporación.

"Desde onte, atopámonos todos tremendamente consternados por esta noticia, incapaces de encaixar esta dor. Queremos manifestar o noso pesar por esta terrible sacudida e acompañaremos as familias neste camiño tan difícil que lles tocou percorrer", declarou.

A rexedora tamén agradeceu as mostras de condolencia recibidas do conxunto da cidadanía e, en especial, do mundo do deporte base, ao que ambos os falecidos estaban moi unidos pola súa participación en distintos clubs da localidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade