Mallón: "O Aowinde de eólica mariña é unha oportunidade histórica"
Mallón: "O Aowinde de eólica mariña é unha oportunidade histórica"
A industria do metal galega traballa no impulso dun polo eólico mariño de referencia
O obxectivo é acelerar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Prevén crear uns 8.000 empregos directos de aquí ao 2030
Galicia e Portugal lideran o proxecto Aowinde, co que se pretende acelerar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
"O que imos facer é fortalecer esa cadea de valor industrial, ver tanto en Galicia coma en Portugal, en que segmentos somos cada un mellores para presentar ofertas conxuntas. Imos tamén deseñar un proxecto piloto virtual de parque eólico mariño para analizar a posible compatibilidade, que é a que nós defendemos, entre a eólica mariña e outras actividades como é a pesca, e tamén imos desenvolver proxectos e programas formativos", di Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal.
A industria do metal galega traballa para impulsar este proxecto pioneiro a nivel europeo e acadar así unha maior competitividade internacional.
"Honestamente cremos que temos todos os ingredientes para que sexa un éxito. Creo que os obxectivos que temos marcados, especialmente o de fortalecer a cadea de valor industrial, ímolos cumprir. Vai ser moi bo para Galicia e moi bo para Portugal", destaca.
Con este proxecto prevén crear uns 8.000 empregos directos de aquí ao ano 2030.
"Aínda así, creando eses 8.000 empregos directos, que serían empregos de calidade, con innovación tecnolóxica quedariamos probablemente escasos para atender toda a demanda mundial. Os grandes construtores, empresas implantadas en Galicia como Navantia, Windar ou Nervión teñen comprometida a súa capacidade de produción polo menos durante os próximos tres ou catro anos. Imos intentar estar aí e que a industria galega non perda esta oportunidade, que é absolutamente histórica, non", engade.