Investigan a compañía Air Nostrum pola cesión do avión ao Sevilla
Investigan a compañía Air Nostrum pola cesión do avión ao Sevilla
Seguridade Aérea examinará se a aeroliña respectou os dereitos dos pasaxeiros cando decidiron ceder o voo ao club sevillano
Esta mañá a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) abriu unha investigación á compañía Air Nostroum pola cesión dun avión ao Sevilla Fútbol Club que estaba programado para voar a Madrid, deixando preto dun centenar de pasaxeiros en terra en Vigo. Segundo fontes do Ministerio de Transporte, iniciarase unha actuación de oficio para comprobar que o operador cumpriu a normativa de dereitos dos pasaxeiros, contemplada na Lei de seguridade aérea.
A asociación Facua-Consumidores en Acción denunciou a acción levada a cabo pola aeroliña, que cedeu un avión ao Sevilla Fútbol Club tras o seu encontro en Balaídos ante o Celta. A agrupación sinala que os afectados atopábanse no aeoroporto de Peinador á espera de coller un avión con destino a Madrid cando a compañía aérea lles trasladou a cancelación do seu voo, que ía ser utilizado polos xogadores e corpo técnico do Sevilla F. C. tras unha avaría do que lles correspondía.
Facua argumenta que, segundo os propios afectados, ninguén lles facilitou información acerca dos dereitos existentes tras a cancelación do seu voo, tan só lles deron unha folla de reclamación para encher. Os pasaxeiros do voo tamén comentaron que Air Nostrum só lles ofreceu a posibilidade de saír en autobús ata Madrid o domingo ás 8:00 horas ou esperar ata o luns a outro avión. Ademais, Facua engade que "o incumprimento contractual en que incorreu a aeroliña supón unha infracción á normativa de protección dos consumidores, polo que debe ser obxecto de sanción por parte das autoridades de consumo".
A asociación de consumidores asegura que presentará denuncias ante a autoridade galega da protección dos consumidores e o Ministerio de Consumo, pois en ningún momento se facilitou un aloxamento para pasar a noite ós afectados, a pesar de que o regulamento europeo establece esas obrigas. Facua espera que Air Nostrum cumpra coas súas obrigacións "reembolsando todos os gastos de transporte, aloxamento e comida que tivesen que soportar os afectados".
Pola súa banda, Air Nostrum remítese no seu comunicado emitido onte en que lamenta profundamente o prexuízo ocasionado aos pasaxeiros e confirma as compensacións económicas para todos os afectados. Por outra parte, os pasaxeiros afectados prepáranse para realizar unha demanda colectiva contra a aerolínea polos danos ocasionados.