Javier Touza: "É o momento de rebaixar ou eliminar o IVE dos produtos pesqueiros"

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo considera a medida "importante" para incentivar o consumo, que caeu un 20 % no último ano

Cualifica de "conxunturais" os problemas actuais de varias grandes compañías pesqueiras galegas

G24.gal 23/11/2023 10:40

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza, insistiu nunha entrevista esta mañá no Galicia por diante da Radio Galega que os produtos pesqueiros se beneficien da prórroga da rebaixa do IVE que o Consello de Ministros vai aprobar nas próximas semanas.

 "É o momento de rebaixar agora ou de eliminar o IVE tamén do peixe e, especialmente, agora que imos afrontar proximamente a campaña de Nadal", di Touza.

A prórroga do IVE cero afecta alimentos de primeira necesidade (pan, fariña, leite, queixo, ovos, legumes, verduras, froita, patacas e cereais) e a do IVE reducido do 5 por cento para aceite e pasta. A medida remata o 31 de decembro e a idea do Goberno é que se estenda seis meses máis, ata finais de xuño do 2024.

Javier Touza fixo referencia a un informe da Comisión Europea que sinala que "nos países que, como Portugal, eliminaron o IVE dos produtos pesqueiros, a caída do consumo foi dun dez por cento este último ano e outros países, como España, que está a manter o IVE arredor dun 10 por cento, a caída foi o dobre". Neste senso, afirma que "a redución ou eliminación do IVE parece que está a ter un importante efecto sobre o consumo e para nós é fundamental que se potencie ese consumo do peixe".

Por outro lado, o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo fixo referencia ás dificultades que pasan varias empresas do sector en preconcurso de acredores para reestruturar débeda: entre elas, Fandicosta, Atunlo, Actemsa. Javier Touza considera que moitas desas compañías están nesa situación pola caída do consumo, uns maiores custos enerxéticos e un financiamento máis difícil pola súa dos tipos de xuro.

Non obstante, sinala que "son cuestións de tipo conxuntural, xa que os balances das empresas están saneados e non están tendo importantes perdas con carácter xeral, senón que son tensións de tesourería". Neste senso, "entendemos que no momento na metade de 2024 cando xa se relaxen os tipos de xuro tan salvaxes, tan enormes que estamos a sufrir agora, volverán as cousas á normalidade, unido á contención da inflación que derive nunha recuperación do poder adquisitivo dos consumidores".

Así mesmo, o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo pide "unha sensibilización por parte das institucións españolas, pero, sobre todo, comunitarias, en defensa das frotas. Neste senso, di que a redución das cotas, o peche de 87 áreas e o aumento dos prezos do gasóleo "fai necesario que reflexionemos porque as frotas máis pequenas están nuns niveis de rendibilidade moi baixos".

Javier Touza insiste nas súas reclamacións despois de que o Goberno presentase recurso contra unha "parte substancial" da Lei do litoral de Galicia elaborada pola Xunta de Galicia. Reitera que "é unha lei que necesitamos para darlle seguridade xurídica ás nosas actividades na costa". Afirma que están en xogo máis de 4.000 edificacións relacionadas con actividades pesqueiras e marisqueiras. Di que "seguimos loitando e consideramos que a lei [do Litoral de Galicia] é absolutamente consensuada e, sobre todo, que esas materias de xestión do litoral están incardinadas nas competencias do Estatuto" de Autonomía de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade