José González: "Non hai motivo que xustifique que os gandeiros galegos cobren menos polo leite"
José González: "Non hai motivo que xustifique que os gandeiros galegos cobren menos polo leite"
O conselleiro do Medio Rural avoga pola estabilidade nos prezos para "non poñer en perigo a rendibilidade das explotacións"
Afirma que Galicia ten capacidade para mobilizar aínda máis terra agrogandeira e explotala de xeito sostible
O conselleiro do Medio Rural, José González, considera que "non existe ningún motivo" que xustifique que os gandeiros galegos estean cobrando menos polo litro de leite que os produtores doutras comunidades autónomas. Así o expresou nunha entrevista este martes no informativo Galicia por diante da Radio Galega.
Afirma que xa trasladou esta situación nun encontro coa industria e anuncia unha próxima reunión nesta mesma liña con representantes das empresas de distribución. José González indica que a Xunta de Galicia conta na actualidade "con ferramentas para saber os custos de produción das nosas explotacións gandeiras e o prezo ten que manterse nunha senda de estabilidade, non pode baixar porque senón estariamos poñendo en perigo a rendibilidade desas explotacións".
Así mesmo, lembra que existe a Lei da cadea alimentaria que non permite vender por debaixo dos custos de produción e di que desde a Xunta de Galicia "imos estar moi vixiantes para que esa prohibición se cumpra". O conselleiro do Medio Rural explica que "hai algunha cuestión que estamos analizando e que podería ser remitida á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia". Afirma que isto "non é ningunha ameaza, nin ningún posicionamento que non teña máis obxectivo que defender un leite de extraordinaria calidade como é o galego".
O conselleiro do Medio Rural está en Barcelona para asistir estes días ao Fórum Gastronómico que ten lugar no recinto da Fira. Nesta cita participan 26 empresas galegas de viño, queixo, mel, carne de vacún e outros produtos agroalimentarios.
José González considera que "o feito de levar todos eses produtos baixo o selo de Galicia Calidade ten moita importancia porque a unión fai a forza". Neste senso, explica que "hoxe a punta de lanza da nosa capacidade de estar noutros mercados son os viños galegos pero cando estás [nunha acción promocional] con outros como o queixo, a carne, o mel e os produtos da horta, o que fai é que a xente que viña por probar o viño tamén deguste" eses outros produtos.
Sobre a apertura de novos mercados, o conselleiro do Medio Rural sostén que "os produtos galegos teñen carácter mundial e, polo tanto, os mercados están por explorar en moitas ocasións e o que temos que facer é que, a través desta unión, poidamos sacarlle rendemento á orixe galega".
José González tamén valorou a fortaleza de produción de alimentos en Galicia. Opina que hai "capacidade de crecemento porque en Galicia temos aínda moita terra que pode ser explotada dun xeito sostible" Afirma que "a idea é mobilizar esa terra e poñela a disposición de labregos e gandeiros para que despois, a través de accións de promoción, poidamos acadar o maior valor engadido posible para ela".