O Starship, a nave espacial máis grande do mundo, estoupa aos nove minutos do seu lanzamento

Engalou dende Boca Chica, en Texas, pasadas as dúas da tarde

A proba rematou cunha explosión no golfo de México

G24.gal 18/11/2023 13:32 Última actualización 18/11/2023 18:00

Coa "perda" do Starship este sábado, SpaceX fracasou de novo na súa misión de levar ao espazo o foguete máis grande do mundo. Pero desta volta si que avanzaron na separación do propulsor e da nave durante a engalaxe, un reto que arrastraban dende o mes de abril, cando fallou neste proceso e se viron na obriga de facer detonar a nave.

"Aínda que non sucedeu nun laboratorio, nin nun banco de probas, foi realmente un experimento. O que fixemos proporcionará numerosos datos para continuar desenvolvendo rapidamente o Starship", anunciaron dende a compañía na súa páxina web.

Pero os controladores desta nave, da que a NASA agarda poder dispor para regresar á Lúa, perderon o contacto con ela cando levaba 9 minutos de voo e despois de deixar unha gran nube de fume.

Estaba previsto que o foguete Starship, deseñado para alcanzar a Lúa e Marte, dese unha volta case completa á Terra, antes de caer no océano Pacífico, preto de Hawai. SpaceX anticipou que o reto deste lanzamento era a separación da nave espacial do propulsor, o lanzador Super Heavy de 33 motores Raptor, procedemento que fallara na proba realizada en abril e que foi corrixido.

Hoxe, menos de tres minutos despois do lanzamento, as dúas fases (a nave e o propulsor) separáronse con éxito, gracias a un sistema de irrigación de auga, adoptado tras o fallo da proba anterior.

A compañía de Elon Musk comezou con éxito esta proba sete meses despois da primeira, na que estoupou no aire aos catro minutos de engalar. Malia todos os avances no procedemento, a proba realizada este sábado rematou igualmente cunha explosión sobre o golfo de México.

Agardábase que o foguete Starship, cunha altura de 121 metros, alcanzase velocidades próximas á orbital, para estar cada vez máis preto de poder aproveitar completamente o seu potencial. 

Misión Artemis III

A axencia espacial estadounidense está moi pendente dos resultados, xa que o Starship será o responsable de levar a tripulación da misión Artemis III á superficie lunar, unha viaxe programada en principio para o ano 2025.

O programa Artemis, co que a NASA retornará ao satélite terrestre despois de máis de 50 anos, conta co foguete lanzador Sistema de Lanzamento Espacial e a cápsula Orión, probados na misión non tripulada Artemis I, que en 2022 orbitou a Lúa e logo regresou á Terra.

De acordo con algúns medios especializados, a axencia espacial estadounidense desembolsou uns 4.000 millóns de dólares (3.600 millóns de euros) no desenvolvemento do Starship.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade