Máis custos para a empresa española, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Máis custos para a empresa española, por Venancio Salcines
Arranca a nova lexislatura e con ela cambios no actual mercado laboral froito do proceso de negociación entre Yolanda Díaz e Pedro Sánchez. E aínda que está ben que os partidos negocien e cheguen a acordos, no eido laboral estes deberían facerse no campo da negociación entre os diferentes axentes, entre a patronal e os principais sindicatos. Por que? Pola heteroxeneidade do mercado laboral. As regras comúns deberían ser para as situacións parellas e non para as dispares.
A redución da xornada laboral, de levarse a cabo segundo foi pactada, faríase en dous anos. Para o entrante, baixaría das corenta horas ata as 38,5 semanais; en 2025, reduciríase una hora, para acabar en 37,5 semanais. Problema? Nun mercado laboral eficiente, os salarios están vencellados á produtividade laboral, máis produtividade maior salario. Se o sector laboral en cuestión non está suxeito a cambios de produtividade, unha menor xornada implica un maior custo laboral. Factura que pagarán en solitario os empresarios, xa que non está prevista ningunha rebaixa das cotizacións sociais. O que xa é costume na vicepresidenta Díaz, lexislar tendo en mente que as facturas das súas medidas as pagan sempre os mesmos, os empresarios. E cando un di empresario alguén pensa no IBEX, pero o certo é que en España o mundo empresarial está conformado por varios millóns de pequenas empresas, en que calquera incidencia nos custos pode provocar a parálise dos investimentos programados.
A outra medida que se fará, previsiblemente, de modo unilateral será a suba do Salario Mínimo Interprofesional, de xeito que quede nos 1.120 euros ao mes, co obxectivo de acadar o 60 % do salario medio. Esta decisión gobernamental padece dun problema de base, a ausencia de diálogo social, que provoca que sexa formulada como unha proposta transversal nun marco de redución da xornada laboral. A pequena empresa, máis sensible a estes temas ca a mediana ou a grande, soportarán un maior custo laboral por unha menor xornada. Dous golpes que se suman á situación actual de suba importante dos custos financeiros. É evidente que onde algúns vemos un ecosistema empresarial feble e necesitado de apoio, outros pensan que están ante os herdeiros do rei Salomón.
A maiores é bo recordar que o encarecemento do salario mínimo, nun marco de ausencia de contratos de inserción para traballadores non cualificados, provoca que o persoal máis feble da sociedade, o que xera menos produtividade, teña problemas de entrada no mercado laboral. Estas subas acrecentan ese problema.