Máis de 100 descendentes de galegos atoparon traballo co Programa Retorna
Máis de 100 descendentes de galegos atoparon traballo co Programa Retorna
Remata a primeira edición do Programa Retorna Cualifica Emprego
Santiago acolleu o último foro enfocado en atraer talento e man de obra para os sectores do turismo e a hostalería
O obxectivo do programa Retorna Cualifica Emprego é atraer o talento da emigración para incorporalo ao mercado laboral galego. O balance do primeiro ano é positivo.
"Hai uns 5.000 inscritos no programa. Contamos con arredor de 200 empresas interesadas que presentaron vacantes e a día de hoxe hai sobre 110, 115 persoas xa traballando aquí en Galicia e retornadas" informa Diego Carbajosa, director da área internacional da Fundación Nortempo.
Os galegos emigrados e os seus descendentes teñen a oportunidade de retornar cun contrato na man. A Xunta págalles incluso o billete de volta.
"Dende que cheguei estanme formando. Entrei directamente nunha escola. Gradueime cun título de elaboración de alimentos e chamáronme para unha entrevista de traballo, que penso ir coa miña nai agora, a ver que tal", conta Yovani Chacón, descendente de emigrantes galegos en Cuba.
Yovani é un dos últimos incorporados ao programa. Florencia foi a primeira e xa leva meses traballando.
"A verdade é que xa tiña a idea hai bastante tempo de poder vir a Galicia e asentarme xa tamén coa miña familia, e cando vin o programa era a oportunidade perfecta para vir, traballando, que é unha das cousas que máis lle preocupan a un cando ten que pensar en emigrar", apunta Florencia Teijeiro, illa de emigrante galega na Arxentina.
O foro celebrado hoxe estivo enfocado a buscar traballadores para turismo e hostalería, dous sectores que demandan moita man de obra.
"Temos que insistir en intentar captar talento e intentar captar persoas que crean no noso sector, que é moi importante, porque estamos falando do 12 % do PIB de Galicia", conta César Ballesteros, presidente da Federación de Empresarios de Turismo e Hostalería de Pontevedra
"Que se animen, que veñan, que realmente Galicia é un lugar moi fermoso e acolledor para que poidan emprender unha nova vida" anima Florencia Teijeiro, filla de emigrante galega na Arxentina.