O novo Goberno de Sánchez: 22 ministerios, catro vicepresidencias e cinco carteiras para Sumar

Sánchez define o novo Goberno como "de alto perfil político" para dar "estabilidade"

Hai nove caras novas nun executivo en que gaña peso Félix Bolaños, ao levar Presidencia e Xustiza, e María Jesús Montero, que se converte na vicepresidenta cuarta

A saída de Miñones deixa a representación galega no Executivo en dúas vicepresidentas: Nadia Calviño e Yolanda Díaz

Pedro Sánchez durante a comparecencia na Moncloa (EFE/José Manuel Álvarez) Pedro Sánchez durante a comparecencia na Moncloa (EFE/José Manuel Álvarez)
G24.gal 20/11/2023 08:42 Última actualización 20/11/2023 14:09

O novo Goberno de Pedro Sánchez segue tendo 22 ministerios (cinco de Sumar e o resto do PSOE); suma unha Vicepresidencia máis, ata chegar a catro, e incorpora nove caras novas, entre elas a ministra de Igualdade, Ana Redondo García, concelleira socialista no Concello de Valladolid.

Os outros oito novos ministros son: Ángel Víctor Torres, expresidente canario; Jordi Hereu, exalcalde de Barcelona; Óscar Puente, exalcalde de Valladolid; Ernest Urtasun, eurodeputado de Catalunya en Comú, e uno de los principais apoios de Yolanda Díaz; Pablo Bustinduy, doutor en filosofía e fundador de Podemos, ligado á corrente de Errejón; Sira Rego, eurodeputada de Izquierda Unida de raíces palestinas; Mónica García, líder do errejonista Más Madrid; e Elma Saiz, de longa traxectoria nas filas do Partido Socialista de Navarra.

A ministra de Educación e Deportes, Pilar Alegría, será a nova portavoz dun Executivo con bastante continuidade, xa que se manteñen máis da metade dos nomes e hai cambios de ministerios moi puntuais, como algunhas fusións e dúas carteiras de nova creación: Transformación Dixital, por unha banda, e Infancia e Mocidade, por outra.

Dos 22 ministerios, doce estarán en mans de mulleres e cinco corresponderán a Sumar, os mesmos que tiña ata o de agora Unidas Podemos.

O novo gabinete terá catro vicepresidencias, xa que ás de Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera sumarase a da ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Esta é a composición do novo Goberno de coalición do PSOE e Sumar:

Os ministros que integran o novo Goberno prometerán mañá, martes, os seus cargos ante Filipe VI ás 9:30 horas no Palacio da Zarzuela como paso previo a asumir as carteiras de man dos seus antecesores nas sedes de cada ministerio.

Bolaños e Montero gañan peso

A acumulación de poder de Bolaños é unha das novidades máis importantes, pois aínda que non é nomeado vicepresidente do Goberno, converterase nun 'superministro', sumando á carteira de Presidencia a de Xustiza, de vital importancia esta lexislatura que arrinca coa lei de amnistía aos independentistas cataláns. O departamento pasará a chamarse, Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, segundo indican fontes gobernamentais.

Sánchez aposta pola continuidade ao manter ás actuais vicepresidentas, Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera con leves cambios nas súas competencias ministeriais. Calviño, que está pendente da súa candidatura á presidencia do Banco Europeo de Investimentos (BEI) mantén Asuntos Económicos pero perde Transformación Dixital, que se converte nun novo Ministerio e estará en mans de José Luis Escrivá.

Ademais Sánchez recupera a Vicepresidencia Cuarta para María Jesús Montero, unha figura que xa aparecía no Goberno que formou en xaneiro de 2020 e desapareceu coa remodelación tras a saída do entón líder de Unidas Podemos Pablo Iglesias.

Por tanto Sánchez tamén dá máis poder ás ministras que forman parte da cúpula do PSOE. Montero ascende a vicepresidenta e mantén Facenda e a actual portavoz da Executiva do PSOE, Pilar Alegría, pasa a ser portavoz do Goberno, mantén a carteira de Educación e Formación Profesional e asume a de Deportes.

Tamén seguen á fronte das súas carteiras os titulares dos chamados Ministerios de Estado, de modo que José Manuel Albares segue en Exteriores, Margarita Robles en Defensa e Fernando Grande Marlaska en Interior, a pesar de que se daba por descontada a súa saída tras unha lexislatura de moito desgaste.

Tamén inclúe no Consello de Ministros a perfís coñecidos no partido, que ademais foron damnificados polo resultado electoral das eleccións autonómicas e municipais do 28 de maio. Ángel Víctor Torres, que ata ese momento era presidente de Canarias, pasa a ser ministro de Política Territorial, que agora tamén inclúe Memoria Democrática.

Ademais, Óscar Puente, alcalde de Valladolid ata o 28M entra no Goberno como ministro de Transportes. Sánchez xa deu unha pista do novo protagonismo que ía adquirir, ao elixirlle como portavoz socialista durante a investidura errada do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Mesmo nomeou ao seu número dous no concello desta cidade, Ana Redondo, nova ministra de Igualdade, unha carteira que os socialistas querían recuperar de xeito prioritario.

Miñones sae do Goberno oito meses despois

O pasado 28 de marzo José Miñones recollía a testemuña da anterior ministra, Carolina Darias, tras ser delegado do Goberno en Galicia, desde 2021, e con anterioridade alcalde de Ames. 

Agora deixa o cargo a Mónica García. Impulsou o decreto que puxo oficialmente fin á pandemia pola covid-19 en España o pasado mes de xullo e tamén o dereito ao esquecemento oncolóxico para persoas sobreviventes de cancro.

Coa súa saída, a cuota galega no executivo de Sánchez queda reducida a dúas representantes: Nadia Calviño e Yolanda Díaz. 

Sánchez: "Debemos contar cun equipo de alto perfil político"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que o novo Executivo de coalición emprende a súa nova etapa con "máis determinación, ganas e entusiasmo que nunca" e definiuno como "de alto perfil político, para unha lexislatura de alto perfil político" e na que tratará de "dotar de estabilidade ao país".

Sánchez fixo esta reflexión nunha comparecencia sen preguntas no Palacio da Moncloa para comunicar oficialmente a composición do novo Gabinete.

Afirmou Pedro Sánchez que o novo Goberno ten "un marcado acento feminista" e é "continuista na área económica e nos ministerios chamados de Estado"

En canto as prioridades deste Executivo, repasou os bloques programáticos que xa expuxo durante o discurso de investidura no Congreso e asegurou que "a axenda de transformacións debe culminarse".

Foi nunha intervención duns dez minutos que quixo comezar agradecendo o traballo aos ministros do Goberno de coalición que non van seguir nos seus cargos.

O PP acusa a Sánchez de "politizar" a Xustiza co seu novo Goberno

O PP acusou o presidente do Gobern de politizar a Xustiza co seu novo Goberno ao poñer a Félix Bolaños á fronte desta carteira e asumir tamén as relacións coa Cortes, xa que considera que coordinará o trato do poder lexislativo co xudicial.

"Ao unir os Ministerios de Presidencia e Xustiza e entregarlle a súa xestión ao seu ministro máis político, Sánchez lanza unha mensaxe clara a Europa e ao sistema xudicial, e non é precisamente o de despolitizar a xustiza en España", sinalan fontes do PP que critican que Sánchez mantivese 22 ministerios e aumentado unha vicepresidencia no canto de reducir o Executivo.

Os populares ademais destacan que "para levantar o muro entre españois que anticipou no seu discurso de investidura, Sánchez elixiu ao albanel adecuado ao sentar no Consello de Ministros a Óscar Puente" mentres que consideran que a saída da dirixente de Podemos, Ione Belarra, do Goberno supón "desprezar" un partido "que lle axudou a ser presidente".

O PP insiste en que a pesar dos novos nomeamentos é o líder de Junts, Carles Puigdemont, o que "segue mandando no noso país" e o que "decidirá quen segue e por canto tempo desde o seu 'exilio' en Waterloo".

Rueda: "Agardo ter a mellor relación posible co Goberno, sería bo para Galicia"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou aos ministros e ministras que formarán parte do Goberno de Pedro Sánchez, con quen agarda ter "a mellor relación posible", xa que sería bo tanto para Galicia como para o conxunto do Estado.

Tras esa felicitación e desexo de boa relación, indicou que se constata que "as promesas de redución" do número de ministerios que segundo el existían, non se produciron, o que atribuíu "ás hipotecas" que Pedro Sánchez terá que pagar durante o seu mandato.

Rueda dedicou unhas palabras de agradecemento ao ministro de Industria saínte, Héctor Gómez, que lle chamou esta mesma mañá para despedirse, tras traballar estreitamente, aínda que con discreción, nos últimos meses para sacar adiante proxectos vinculados aos fondos Next Generation.

"Díxome que todo quedaba canalizado segundo o falado. Espero que o traballo nos últimos meses con este ministro, o terceiro en menos dun ano, se manteña e chegue a bo fin".

O presidente galego aproveitou para pedir "máis seriedade" ao Goberno, que uns días antes do anuncio negaba a condonación a Cataluña dunha parte da súa débeda, e tamén ironizou co "peso" do PSdeG no Executivo, que tras a saída de José Miñones de Sanidade non terá ningún representante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade