O 86 % da militancia de Junts amósase favorable ao pacto de investidura

A unanimidade dos afiliados dá luz verde ao partido para pechar o acordo co PSOE

G24.gal 12/11/2023 19:22 Última actualización 12/11/2023 22:18

Os afiliados de Junts per Catalunya ratificaron o acordo alcanzado en Bruxelas co PSOE por parte da formación independentista. Un 86,16 % dos votos foron favorables nunha consulta ás bases que comezou onte e se pechou este domingo.

Segundo informou JxCat, a participación foi do 67 % dos militantes, dos cales o 86,16 % votou si, mentres que un 13,83 % votou en contra. A abstención foi tan só do 0,01 %.

Que as bases de Junts desen luz verde era o último paso para bendicir o acordo, unha vez que a Executiva e o Consello Nacional da formación tamén avalasen o pacto, liderado en Bruxelas por Carles Puigdemont.

A pregunta formulada á militancia era: "Ratificas o acordo asinado en Bruxelas entre Junts e o PSOE en que se establecen tanto as condicións coma os mecanismos para a resolución do conflito político entre Cataluña e o Estado español e en que exporemos un referendo de autodeterminación?".

O acordo está baseado na suma dos votos de Junts no Congreso para investir como presidente a Pedro Sánchez a cambio dunha lei de amnistía. Tamén se inclúen outra serie de aspectos que permiten de facto aos posconverxentes entraren no camiño da negociación e o pacto, lonxe da confrontación dos últimos anos.

Doutra banda, JxCat sufriu onte un ciberataque que non afectou o proceso de votación do acordo marco co PSOE. Segundo fontes do partido o ataque foi "coordinado dende diferentes países, durante o cal se recibiron unhas 70.000 agresións planificadas". Este caso foi denunciado á Axencia de Ciberseguridade de Cataluña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade