O Concello de Cariño mantén a prohibición de consumir auga da billa para beber e cociñar

Está activo un operativo especial para ofrecer auga á poboación afectada

G24.gal 17/11/2023 21:10 Última actualización 17/11/2023 21:33

Son dúas as parroquias afectadas: o núcleo urbano e a da Pedra. Desde fai unha semana a veciñanza non pode consumir a auga da billa por niveis de níquel e trihalometanos detectados na auga da depuradora.

Laura García Ruiz, concelleira de Benestar Social, Cultura e Deporte, explica que "non é apta para consumo humano, nin para cociñar porque son metais pesados e aínda que se ferva seguen a estar presentes igualmente". 

Non é a primeira vez que acontece. Xa pasou hai un ano. Malia que por agora non están claras as causas, as chuvias dos últimos días puideron agravar a situación.

"Non se pode dicir con certeza de onde vén porque aínda hai que facer análises e hai que facer moitas cousas. Suponse que vén do arrastre da auga polas vetas e por uns minerais, do arrastre das rochas; e adoita pasar, sobre todo, cando hai moita máis cantidade de auga", aclara Laura García Ruiz.

Desde o concello activouse un operativo especial para ofrecer auga á poboación afectada. Entregáronse garrafas nos domicilios para as vivendas máis afastadas e tamén onde viven persoas maiores ou con dependencia. Outra medida foi a instalación nas inmediacións do mercado municipal dun camión cisterna con 25.000 litros de auga.

O camión volverá repartir auga entre a veciñanza a vindeira semana. Será o luns e o xoves, tal e como anunciou o concello a través das súas redes sociais. As medidas de subministración de auga manterase mentres a da traída non sexa apta para o consumo humano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade