Cariño levanta a prohibición de consumo de auga en varias parroquias
Cariño levanta a prohibición de consumo de auga en varias parroquias
Permanecía vixente porque as análises da estación de tratamento do Castro sinalaban elevados valores de trihalometanos
O Concello de Cariño levantou a prohibición de consumo de auga en varias parroquias onde permanecía vixente polos elevados valores de trihalometanos que deran as análises na estación de tratamento do Castro.
Deste xeito, o consumo da rede de abastecemento volve estar permitido desde a tarde do luns nas parroquias de Cariño e A Pedra, unha vez que as analíticas sinalaron unha mellora de condicións, que xa foi notificada á Consellería de Sanidade.
Nun comunicado, o Goberno local de Cariño destaca que desde o momento en que se formalizou a restrición do consumo iniciáronse unha serie de actuacións para "incidir na mellora da composición da auga".
O Concello instou a adxudicataria para axilizar a intervención na estación de tratamento e levou a cabo un purgado da rede ante as sospeitas de que un dos cóbados do circuíto podía ter acumulados trihalometanos.
O Goberno local aclara que os resultados positivos das analíticas foron obtidos o pasado 22 de marzo, pero "a acumulación de días non lectivos" por Semana Santa "imposibilitou que se puidese xestionar con Sanidade a fin da prohibición".