O Goberno dá por pechada a crise diplomática con Israel

O ministro de Exteriores advirte que a "voz de España non se vai reducir nada"

O Partido Popular cre que esta crise "debilitou o respecto internacional de España"

España mantén a súa posición sobre a guerra entre Israel e Hamas
G24.gal 28/11/2023 14:26

A mensaxe de España a Israel é clara. Nin cambiará de posición, nin tolerará novas acusacións contra Pedro Sánchez de apoiar ao terrorismo de Hamas. Así llelo fixo saber o ministro de Exteriores á embaixadora israelí en España.

Tras a xuntanza, José Manuel Albares, dá por pechada a crise diplomática pero mantén a súa posición sobre a guerra. Albares insiste en que España condenou desde o primeiro minuto o ataque terrorista de Hamas do pasado 7 de outubro. O xefe da diplomacia defende que España quere ter as mellores relacións con Israel con quen "temos vínculos comerciais moi sólidos".

O outro socio da coalición, Sumar, pide máis. Os de Yolanda Díaz defenden as palabras de Pedro Sánchez, pero din que esas palabras teñen que levan consigo feitos. Este país "pode ser a punta de lanza internacional en defensa dos dereitos humanos", dixo esta mañá, a deputada Aina Vidal, unha das voceiras de Sumar no Congreso.

Posición semellante a que defende o BNG. O deputado Néstor Rego, tacha de "excesivamente branda" a posición de Pedro Sánchez e pídelle que actúe. Os nacionalistas galegos consideran que se deberían "rachar relacións diplomáticas con Tel Aviv" e promover que Netanyahu "e a cúpula sionista rendan contas por crimes de guerra" diante da Corte Penal Internacional.

O Partido Popular pon o foco no prestixio internacional de España. E considera que tralas declaracións de Pedro Sánchez, o "respecto ao noso país quedou debilitado". Miguel Tellado, o novo voceiro do PP no Congreso, evitou, iso si, desvelar a posición do partido en caso de que haxa que votar no Congreso o recoñecemento dun Estado palestino. "Imos ver o que defende o Goberno", di Tellado. 

Desde o Palacio da Moncloa, insisten: "Levantamos a voz contra esas mortes indiscriminadas de nenos, nenas e mulleres por unha cuestión de humanidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar