O PPdeG volve rexeitar unha iniciativa do BNG para traspasar a xestión do litoral
O PPdeG volve rexeitar unha iniciativa do BNG para traspasar a xestión do litoral
A Xunta pide ao Goberno que retire o recurso "sen argumentos" contra a lei do litoral
O Parlamento aproba a nova lei de artesanía de Galicia, que busca modernizar o sector
O BNG, por segunda vez, presentou ante o Parlamento unha proposta de lei para solicitar no Congreso as competencias de xestión do litoral. E por segunda vez foi rexeitada polo PP, que recordou que Galicia xa ten recoñecidas esas competencias no artigo 27 do Estatuto de Autonomía. Cren que o Goberno central está atacando o noso autogoberno.
Pouco despois, a vicepresidenta da Xunta Ángeles Vázquez volveu defender a validez da Lei do Litoral de Galicia, aprobada este ano e contra a que recorreu o Goberno central ante o Tribunal Constitucional.
Ángeles Vázquez reclamou ao Goberno que retire o recurso de inconstitucionalidade contra a lei do litoral autonómica, que considera "sen argumentos", con "pouco rigor" e presentado só para "prexudicar" a Galicia.
Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, á petición propia, cargou contra a actitude do Goberno, mentres que a oposición criticou que a Xunta só pretenda "confrontar" co Executivo central por intereses partidistas e electorais e non conseguir o traspaso efectivo das competencias do litoral
Lei de artesanía
Tamén no Parlamento quedou aprobada este luns a Lei de Artesanía de Galicia. Era unha norma necesaria, segundo populares e socialistas, que votaron a favor. Ambos os grupos defenden un sector que ten un valor social e cultural, pero que debe ser viable economicamente.
A conselleira de Industria mostrou a súa satisfacción por esta nova lei e fixo un recoñecemento público ao traballo dos artesáns.
O BNG votou en contra, porque entende que o texto ofrece unha visión economicista da artesanía.