Organizan xornadas divulgativas para dar a coñecer o novo selo Artesanía Alimentaria
Organizan xornadas divulgativas para dar a coñecer o novo selo Artesanía Alimentaria
O novo distintivo vai dirixido a milleiros de pequenos produtores de todo o país
Deberán cumprir coas normas publicadas de cada produto artesán ou caseiro
O biocentro cárnico Traloagro de Friol foi o último espazo elixido para divulgar entre os produtores o novo selo Artesanía Alimentaria.
A xornada, organizada pola Asociación Galega de Operadores Artesanais, está impulsada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Nela déronse a coñecer as vantaxes deste distintivo, xa presente en numerosos produtos.
Isabel Gómez, produtora de carne en ecolóxico: "Nós no noso produto temos varios selos. O principal é o ecolóxico, que nos diferencia polo sistema produtivo, pero isto vén reforzar o proceso de produción manual que tamén realizamos".
Adrián Pérez, produtor de queixo do Cebreiro: "É un valor engadido ao traballo que xa vimos facendo. O único que temos que facer é seguir con ese traballo que fixemos durante anos. É un proceso artesanal no que a man das persoas ten moito que ver na elaboración".
"Marca a diferenza!" é o lema que promove esta nova figura de calidade diferenciada. A este selo pódense adherir os pequenos produtores que transforman e que venden os seus propios produtos alimentarios nas feiras e nos mercados de todo o país.
O distintivo ten, por tanto, un gran potencial. Poden aspirar a lucilo mesmo milleiros de produtores, que terán que cumprir cos requisitos normativos e aboar unha taxa única de dez euros.
Carlos Brea, presidente da Asociación Galega de Operadores Artesanais: "Calquera pequeno produtor que poida transformar o seu produto, que teña un obradoiro ou unha pequena industria e que cumpra coas normas técnicas publicadas de cada produto".
A xornada divulgativa rematou cun showcooking con produtos co selo a cargo do cociñeiro Álex Iglesias.