Persoal médico de familia apoia a lei para protexer a saúde dos menores

Establece multas por prender un cigarro a menos de 50 metros dun colexio, un centro sanitario ou unha parada de autobús

A norma equipara o tabaco co alcol e prohibe a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores de 18 anos

 

G24.gal 05/11/2023 14:19 Última actualización 05/11/2023 15:25

Fumar nas portas dun colexio, na contorna dun centro sanitario ou mentres se agarda na parada polo autobús ten os meses contados en Galicia. O Consello da Xunta aprobou o anteproxecto da nova lei de protección da saúde dos menores, que establece multas para quen prenda un cigarro a menos de 50 metros destes espazos.  

A norma equipara o tabaco co alcol, e prohibe a venda de vapeadores a rapaces con menos de 18 anos.

"O vapeo está de moda entre a xente nova e nós non nos cansamos de dicir que non é substituto para deixar de fumar. É unha maneira de enredar a xuventude para metela en consumos aditivos. A min paréceme que é adecuado comparar exactamente o vapear co tabaco, son igual de perigosos", di Jesús Seixo, vogal da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Dende a Asociación, consideran tamén acertada a prohibición do consumo e a venda de bebidas enerxéticas a menores. No caso dos refrescos avogan por tomar medidas para reducir o azucre que conteñen.

"Estamos vendo a epidemia de obesidade na xuventude e a epidemia de diabetes en adultos e isto ten moito que ver co consumo de azucre refinado", explica Seixo.

Canto á prohibición dos botellóns, a norma outórgalle á Administración autonómica a capacidade de sancionar, que ata o momento recaía nos concellos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade