Sánchez di que o verificador das reunións PSOE-ERC será distinto ao de Junts

O presidente do Goberno defende a amnistía como unha forma de "poñer o contador a cero, pero non a memoria a cero"

Sánchez cre que o bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial é "un caso paradigmático de lawfare, de politización da xustiza"

G24.gal 04/12/2023 09:59 Última actualización 04/12/2023 10:53

O presidente do Goberno Pedro Sánchez afirmou este luns que o verificador que participe nas reunións entre PSOE e ERC, froito do acordo de investidura selado entre ambas as formacións, será unha persoa distinta a quen exerce esa función nos encontros con Junts, o diplomático salvadoreño Francisco Galindo.  

Nunha entrevista na Cadena Ser, Sánchez sinalou que "en principio" será unha persoa distinta e terán mesas de diálogo diferentes con ambas as formacións.  

Con todo, sinalou que están a falar "dos mesmos temas" tanto con ERC coma con Junts, e gustaríalle que se puidese chegar a un proceso de negociación en que estivesen esas dúas formacións, aínda que considera que iso agora mesmo é "moi prematuro" e está "moi verde".  

Ademais, Sánchez xustificou a reunión que se levou a cabo este sábado en Xenebra entre PSOE e Junts e admitiu que se celebra nesa cidade porque "algúns actores non viven en España, viven en Bruxelas", en referencia ao expresidente catalán Carles Puigdemont, que reside en Bélxica, fuxido da xustiza.   

Neste sentido, lembrou que nesa mesma cidade suíza levaron a cabo reunións entre o Goberno de José María Aznar e a banda terrorista ETA.  

O presidente do Goberno negou "secretismo" arredor desas reunións: "Con Junts estase negociando o que está publicado", defendeu.

Amnistía: "Poñer o contador a cero, pero non a memoria a cero"

Sobre a amnistía defendeu a súa utilidade e que supón "poñer o contador a cero, pero non a memoria a cero".

"Xa o dixen cos indultos, a intención era volver a ese punto, antes de 2017", afirmou Sánchez quen sostivo que el avoga "pola normalización e a superación dos conflitos".

"Non era o paso que tiña pensado dar", volveu recoñecer o presidente do Goberno, "pero o 23 de xullo propiciou un escenario para que tiveramos que tomar esa decisión".

O bloqueo do CXPX: "Un caso paradigmático de lawfare"

Cando se fan cinco anos do mandato caducado do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Pedro Sánchez referiuse a esa situación responsabilizando directamente ao Partido Popular de politizar esa institución.

"Isto é un caso paradigmático do lawfare, de politización da xustiza", dixo o Presidente do Goberno, quen negou que en España haxa un problema de separación de poderes, "senón que o principal partido da oposición ten de refén o poder xudicial".

"Cinco anos de goberno presidido polo malvado Sánchez, cinco anos de bloqueo", afirmou, "non é preciso facer un plano".

“Se gañamos as eleccións en 2027, que vai facer o PP? E se gañan PP e Vox, vanlle pedir ao PSOE que faga o que eles non fixeron na oposición?”, cuestionouse respecto á actitude da oposición.

Con todo, dixo que pensaba en normalizar as relacións co PP e co seu líder Alberto Núñez Feijóo, a quen di que chamará, aínda que cualificou a polarización do panorama político como "asimétrica". 

"O PP di que imos camiño a unha ditadura, Vox que houbo un golpe de Estado. Utilizan as técnicas de comunicación da rifa e o insulto, e nós preferimos falar da suba do salario mínimo interprofesional, de crear emprego e garantir a sustentabilidade das pensións", denunciou.

Sánchez di que os datos reflicten o "acerto" da política económica do Goberno

O presidente do Goberno afirmou que os datos de paro e afiliación do mes de novembro reflicten a "resistencia e a resiliencia" da economía española e o "acerto" da política económica do Goberno.  

Sánchez resaltou ademais que os datos "falan tamén do acerto dos fondos europeos" e de como se están xestionando, xa que están a permitir que a economía española "creza máis en termos relativos" que as principais economías europeas.

O presidente do Goberno, recoñeceu que existen "distintas visións" no seo do Executivo acerca da reforma do subsidio por desemprego, pero mostrouse convencido de que ao final haberá acordo.  

Así respondeu ao ser preguntado polo choque entre os Ministerios de Traballo e de Economía por conta desta reforma. "Estou convencido dun acordo, porque ademais é un compromiso que temos con Bruxelas. É dicir, o cuarto pagamento deses fondos europeos, que son outros 10.000 millóns de euros, esixe tamén esta reforma", lembrou o xefe do Executivo.  

O presidente do Goberno Pedro Sánchez tamén manifestou que van pelexar "con unllas e dentes" a Presidencia da ministra de Economía Nadia Calviño no Banco Europeo de Investimentos (BEI) e engadiu que, se se consegue, posteriormente "haberá unha transición" e dará a coñecer quen será o novo ministro ou ministra de Economía.  

Sánchez admitiu que a posible saída de Calviño do Goberno sería unha "perda enorme" e afirmou que xa ten pensado quen vai substituíla, pero que "aínda" non pode dicilo.  

Sánchez comentou que Calviño foi tanto unha colaboradora "moi estreita" ao longo destes últimos cinco anos como "un dos mellores ministros de Economía que España tivo durante estes últimos 40 anos".  

Ante a pregunta de se entre as opcións se atopa o ministro de Transformación Dixital José Luis Escrivá, o presidente do Executivo destacou que, ademais de ser "un reformista, un progresista e un humanista, encántalle a política e é un gran ministro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar