Todos os concellos de Galicia terán que instalar en 2024 colectores para residuos téxtiles

En Galicia xa se recollen anualmente máis de 5.000 toneladas deste tipo de refugallo para reciclar

Representa só o 12 por cento da roupa vella que desbotamos

G24.gal 16/11/2023 14:27

O cambio da normativa que entrou en vigor o ano pasado e que marca prazos para ir avanzando na reutilización ten como obxectivo facer unha xestión responsable dos residuos téxtiles para coidar mellor o planeta.

Calcúlase que cada cidadán produce ao ano, de media, 11 quilos de residuos téxtiles. So á planta de Arroupa -unha empresa de inserción sen ánimo de lucro-, no polígono do Tambre, chegaron o ano pasado 1.500 toneladas de roupa usada, unha cifra que este ano xa se superou no mes de outubro.

"Todas estas modas de low-cost, fast-fashion o que fan é que provocan unha cantidade enorme de residuos téxtiles. Por iso imos aos centros educativos para tratar de sensibilizar sobre esta materia", explica Isabel Fraga, xerente de Arroupa.

O proceso de Moda-Re-, que recicla o 55 por cento da roupa en Galicia, comeza nos colectores de roupa usada, cos artigos que desbotamos. Despois vai parar ás naves onde se escolle a que está en mellor estado, para despois poñela a venda.

María Vizcaíno, a técnica de inserción que se encarga da  tenda de Arroupa en Santiago, explica que todas as pezas que se poñen á venda é roupa que vén dos colectores e están seleccionadas e hixienizadas. Hai roupa de home, muller, nenos, zapatos complementos. Está á venda ao público a prezos moi competitivos, e tamén se pode adquirir a través dun bono social.

Na nave onde a clasifican en función do destino final tamén traballan persoas en situación de vulnerabilidade que se preparan para reingresar no mercado laboral.  As pezas máis vellas, con taras ou moi obsoletas son enviadas a reciclar a Bilbao, Valencia ou Barcelona.

 "A través de Cáritas España e do seu proxecto Moda RE- si dispoñen da tecnoloxía necesaria, de feito somos pioneiros no sur de Europa para facer esa reciclaxe tanto mecánica como química e reincorporar eses residuos ao mercado como novas fibras téxtiles", engade Isabel Fraga, a xerente de Arroupa.

Prevén teren Galicia en ano e medio unha destas plantas de reciclaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade