Unha nova enfermidade da vide expándese por Galicia
Unha nova enfermidade da vide expándese por Galicia
A flavescencia dourada, unha enfermidade que obriga a arrincar as plantas infestadas, segue avanzando polo sur do país
Ata o momento, detectáronse casos en sete concellos da provincia de Pontevedra e tres de Ourense
A mellor época para detectar a flavescencia dourada é no verán. No outono, os síntomas poden confundirse cos da caída da folla.
"As follas van collendo tons moi vermellos e cúrvanse en forma de tella. Empeza un decaemento xeral da planta", relata Encarna Rodríguez Soto, xefa do servizo de explotacións agrarias de Ourense.
As plantas enfermas acaban secando e facilitan a propagación da praga por iso, ao detectarse un positivo, que os técnicos marcan de cor azul, deben ser destruídas.
"Nós o que recomendamos é que soliciten un permiso de queima para queimalas na propia parcela e evitar que os restos vexetais poidan reinfectar outras plantas na próxima primavera", di David Fernández, técnico do Medio Rural.
A enfermidade transmítese a través dun insecto que actúa como vector.
"A enfermidade non se transmite soa, é un insecto o que a vai levando dunha planta a outra, por iso, os tratamentos que recomendamos son insecticidas, para eliminar o insecto que é o vector da enfermidade", explica Rodríguez Soto.
Un dos métodos que empregan para facer o control e seguimento da incidencia desta enfermidade é o trampeo: instalan trampas nas vides para capturaren os insectos. Logo lévanos ao laboratorio para ver se son ou non vectores da enfermidade.
Segundo a última actualización, que acaba de publicarse no DOG, en Galicia detectáronse 85 vides afectadas en 10 concellos das provincias de Ourense e Pontevedra.