Confirman seis anos de prisión para o condutor que provocou a morte de tres persoas en Salceda
Confirman seis anos de prisión para o condutor que provocou a morte de tres persoas en Salceda
Está considerado autor de tres delitos de homicidio por imprudencia grave e un delito de condución baixo a influencia de drogas tóxicas
No accidente faleceron unha nai e os seus dous fillos menores de idade, de 13 e 6 anos
O TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) confirmou este luns a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedera pola que se lle impuxeron seis anos de cárcere ao condutor ebrio que o 19 de marzo de 2021 invadiu o sentido contrario de circulación causando un accidente mortal en Salceda de Caselas, Vigo, que se causou a morte dunha nai e os seus fillos menores de idade, de 13 a 6 anos.
Os maxistrados da Sala do Civil e o Penal do TSXG destacan que se trata dun accidente brutal, en que faleceron tres persoas que estaban circulando polo seu carril. Ademais, conclúen que o acusado conducía polo carril de circulación contraria con exceso de velocidade, ademais da inxestión alcólica, polo que lles parece "suficiente para xustificar a sentenza condenatoria, mesmo sen outras probas adicionais”.
No momento do accidente, o acusado conducía a 128 km/hora nunha zona limitada a 90, mentres que o vehículo das vítimas, que circulaba correctamente polo seu carril, ía a 61 km/hora, o que provocou o inmediato falecemento dos pasaxeiros. Na sentenza, o tribunal destaca que “os feitos son tan claros e lamentables que nada cabe obxectar á conclusión da sentenza que se recorre”.
En relación ao carácter de eximente ou atenuante da embriaguez, os xuíces engaden que o propio acusado, a pesar de tentar atopar a alguén que o conducise ao seu domicilio, finalmente "decidiu conducir o seu vehículo perfectamente consciente da limitación de facultades debido a unha altísima inxestión alcohólica”.
Por último, o tribunal afirma que, aínda que a embriaguez constitutiva de delito sexa ás veces unha eximente incompleta, neste caso, "a embriaguez forma parte do tipo delituoso polo que non cabe aplicación de eximente ou atenuante algunha”.