A comunicación ferroviaria entre Lugo e Ourense continuará pechada ata abril de 2024

A circulación de trens entre Ourense e Lugo suspendeuse en novembro de 2022

 

G24.gal 02/11/2023 19:09

Segundo informou Adif, estase avanzando no desenvolvemento do plan de modernización integral da liña de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, un tramo de 117 quilómetros. Para este proxecto está previsto investir 550 millóns de euros, e con iso "a ampliación do alcance das actuacións e o reto técnico" obrigan a manter "a suspensión da circulación ata abril de 2024".

Mais segundo asegura o administrador das infraestruturas, non está comprometida en ningún caso "a finalización do plan de modernización integral da liña", que "contribuirá a mellorar a súa capacidade e fiabilidade".

O plan de renovación da vía comprende actuacións coma o reforzo de pontes e túneles, a construción do novo túnel de Oural, a electrificación do tramo Monforte-Lugo e a adaptación da actual electrificación do tramo Ourense-Monforte. Tamén se traballará na renovación dos sistemas de sinalización e telecomunicacións, na modernización da estación de Monforte e a construción da nova de Lugo.

Debido á complexidade e natureza das obras, Adif suspendeu a circulación entre Ourense e Monforte en novembro de 2022, data dende a que presta un servizo alternativo por estrada para garantir a mobilidade dos usuarios.

O pasado verán o alcance do plan de modernización estendeuse para abordar a ampliación das alturas en túneles e pasos superiores para equiparar as prestacións das infraestruturas coas dos corredores europeos, xa que o tramo Ourense-Monforte está incorporado no Corredor Atlántico.

"Adif está a responder a un reto técnico e de planificación que expoñen algunhas actuacións do plan e as características orográficas das zonas en que se desenvolven", explica o administrador das infraestruturas. "Por iso, nalgúns puntos é preciso desmontar instalacións da infraestrutura ferroviaria para permitir o acceso de maquinaria pesada". Unha vez finalicen eses traballos, volverán montar as instalacións afectadas.

Para garantir a mobilidade dos viaxeiros ata o mes de abril de 2024, cando se prevé establecer de novo as comunicacións, Renfe seguirá prestando o servizo alternativo por estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade