A inflación interanual neste outubro sitúase nun 3,5 %, por María Loureiro
OPINIÓN
A inflación interanual neste outubro sitúase nun 3,5 %, por María Loureiro
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou onte martes os datos xerais de inflación avanzados hai dúas semanas e indica que a inflación xeral se estableceu en outubro no 3,5 %, a mesma taxa que o mes anterior, e a inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos frescos) moderouse 0,6 puntos e situouse no 5,2 %, a taxa máis baixa dende xuño do ano pasado.
En Galicia, con todo, os prezos son lixeiramente superiores á media estatal. En particular, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou un 0,3 % en outubro en Galicia en relación ao mes anterior, como a media, pero a taxa interanual rexistrou un descenso dunha décima ata situarse no 3,6 %, que segue estando lixeiramente por riba da media (3,5 %).
Durante este último mes, aínda que o índice de prezos medios é prácticamente idéntico ao do mes anterior, rexistráronse cambios notorios en determinados produtos individuais. En particular, a evolución dos prezos dos alimentos moderouse un chisco, ata o 9,9 % na comunidade autónoma, case un punto menos que o mes anterior, pero aínda así un aumento de prezos interanuais elevados. Este aumento máis contido no último mes débese, na súa maior parte, ao bo comportamento das leguminosas e verduras, do leite, ovos e queixos, das carnes e as froitas, que subiron menos que en outubro do ano pasado, aínda que seguen subindo, e en sentido contrario, aos aceites e graxas, que aumentaron o seu custo máis ca o mesmo mes de 2022. O produto estrela nas graxas vexetais, o aceite de oliva, subiu neste pasado ano máis dun 73 %, seguido polo arroz, que aumentou nun 16 % .
Por outra banda, unha rúbrica que baixou os prezos este outubro con respecto ao ano pasado foi a dos gastos en vivenda, por un mellor comportamento dos prezos da electricidade e o gas, que baixou nun 9 %.
Se comparamos este mes de outubro con setembro, vemos que existen variacións estacionais importantes, con subidas de o ata 10,8 % dos prezos de vestido e calzado en Galicia, mentres que outros bens de ocio e cultura reduciron os seus prezos no 1,2 %.
En resumo, en termos da economía xeral podemos dicir que todo parece indicar que a inflación tende pouco a pouco á baixa, pois os prezos mantivéronse estables no conxunto español en outubro tras tres meses consecutivos de aumento: xullo (2,3 %), agosto (2,6 %) e setembro (3,5 %), mentres que a taxa subxacente descende desde marzo, a excepción de xullo, que subiu, tres décimas. Agora ben, parece que a alegría vainos durar pouco. A Fundación Caixa de Aforros (FUNCAS) prevé que a taxa de inflación aumente de novo en novembro e decembro por efectos graduados nos prezos da enerxía, cunha media anual do 3,6 %, mentres que a media anual do subxacente sería do 3 %. Neste último informe engádese: "Para 2024, as previsións son máis incertas porque estarán condicionadas polo calendario de retirada das medidas antiinflacionistas (IVE dos alimentos, impostos sobre a enerxía, prezos do transporte público, etc.)".
Funcas estima: "A normalización do IVE dos alimentos pode elevar a inflación en 0,4 puntos porcentuais. A retirada das medidas que afectan á luz e ao gas suporía un punto máis. E por último, a eliminación dos descontos ao transporte público sumaría unha décima parte". En suma, o impacto sobre o IPC da reversión de todas as medidas pódese estimar en 1,5 puntos por riba da taxa de inflación. Debemos logo quedar atentos, para ver que acontece.