A intelixencia artificial tamén revoluciona o ensino

Traerá cambios metodolóxicos, pero tamén vantaxes, mais non substituirá os docentes
 

G24.gal 29/10/2023 14:07

A intelixencia artificial semella a nova revolución do século XXI. O termo IA abrangue aquelas máquinas capaces de manexar millóns de cálculos en tempos ínfimos para ofrecer solucións a problemas, dun xeito aparentemente razoado, tal como faría un ser humano.

"A intelixencia artificial aumenta as persoas. Quere dicir que aumenta as súas capacidades, porque permite resolver certo tipo de problemas que coa nosa capacidade como seres humanos pois estamos xa no límite", ilustra Francisco Bellas, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.

Un dos campos onde se está a traballar é no ámbito educativo, onde os expertos apuntan as vantaxes efectivas para os estudantes.

"Poden ser utilizadas para a creación de novos contidos por parte dos estudantes. Non coa intención de falsear unha proba, senón coa idea de crear un contido que ao estudante lle poida servir para estimular a súa aprendizaxe", asegura o catedrático da Universidade da Coruña.

O éxito da intelixencia artificial no ensino depende da adaptación dos docentes a esta nova tecnoloxía e tamén dunha transformación metodolóxica.

"Cando empezou a calculadora tamén foi un cambio radical, pero a todos nos parece hoxe en día que a calculadora, que funciona ben, non quita a aprendizaxe das matemáticas, senón que a complementa", mantén o catedrático Francisco Bellas.

Para os especialistas, a avaliación e os contidos seguirán estando nas mans dos docentes. A intelixencia artificial será, polo de agora, un axudante de luxo que chegou para quedar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade