A memoria da migración galega cara ao Reino Unido na segunda metade do século XX, na Coruña
A memoria da migración galega cara ao Reino Unido na segunda metade do século XX, na Coruña
A mostra pode visitarse ata o 14 de xaneiro no Kiosco Alfonso
A historia familiar de Raquel está marcada pola migración ao Reino Unido. A primeira en marchar foi a súa tía avoa. Seguírona, entre outros, os seus avós e logo o seu pai. Foi nos anos 60. Entre os obxectos que conserva: discos de The Beatles.
A influencia cultural foi unha das pegadas da emigración galega dos anos 60 e 70 do século pasado a terras británicas. Mais non a única.
"Moitas das casas que se construíron en determinadas vilas, non só aquí na cidade da Coruña senón tamén en Ortigueira ou en Cariño, foron feitas cos cartos deses emigrantes", detalla Xesús Fraga, comisario da exposición 'As xeracións do Montserrat. A memoria emocional da emigración galega cara ao Reino Unido'.
á diferenza da emigración cara a América ou outros países europeos, neste caso moitas galegas tomaron a iniciativa mesmo de marchar soas.
"Conseguiron un nivel de independencia tanto económica como de goberno das súas vidas que aquí na España franquista non tiñan, porque o status legal e social da muller entendíase que estaba máis supeditado ao do home", engade o comisario Xesús Fraga.
Obxectos, documentos e fotografías rescatan na mostra a memoria de 19 dos máis de 200.000 galegos e galegas emigrados ao reino británico na segunda metade o século pasado. A exposición, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello da Coruña e a Xunta, tamén inclúe material do Montserrat, o transatlántico en que embarcaban no porto da Coruña, e algunhas das instantáneas sobre a emigración dos fotógrafos Alberto Martí e Manuel Ferrol.
A mostra pode visitarse no Kiosko Alfonso da Coruña ata o vindeiro 14 de xaneiro.